Ao remate do acto unitario na Quintana, Xurxo Souto emprazou a todas as persoas presentes a repetir a experiencia no ano 2016. Lamentabelmente, tal chamamento ficou no terreo dos desexos que non se ven cumpridos co paso do tempo. Agora, vintecatro meses despois, o 25 de Xullo segue instalado na “normalidade” anterior ao 2015: non existe unha convocatoria unitaria entre aquelas organizacións que non aceitan o actual status de Galiza no sistema político estatal.
No tempo transcorrido dende as eleccións ao Parlamento galego celebradas en Setembro do ano pasado, pode constatarse o elevado nivel de acordo rexistrado entre En Marea e BNG na formulación das súas propostas na Cámara do Hórreo. Ante a grande maioría dos problemas mais urxentes xurdidos no seo da sociedade galega (desemprego, pobreza, AP9, Ferroatlántica, Angrois...) a coincidencia é indiscutíbel. Obviamente existen posicionamentos diverxentes sobre a identidade constitutiva de cada formación. Mais iso tamén ocorría hai dous anos e daquela non foi un atranco definitivo na celebración dunha manifestación unitaria.
O mais preocupante é que, agora, nin sequera houbo iniciativas tendentes a sondear a posibilidade dunha convocatoria converxente. Deuse por inevitábel unha multiplicidade de actos que seguramente resultan incomprensíbeis para a maioría das persoas que apoiaron nas urnas a esas forzas políticas. Obviamente, non está en cuestión a lexitimidade ou o dereito de cada quen para tomar as decisións que considere pertinentes. O que está enriba da mesa é a oportunidade dunha acción común protagonizada polas opcións que no forman parte da lóxica bipartidista coñecida (PP-PSOE).
Mentres estas dinámicas segan presentes no universo político galego mais crítico co poder, o PP de Alberto Núñez Feijoo non terá motivos adicionais de preocupación. Non detectarán sinais de perigo nese tranquilo balneario no que fican instalados dende hai tempo.
Xesús Veiga