Por Xesús Veiga | Compostela | 10/08/2017
Nos últimos meses, ese lugar común da suposta eficiencia do inquilino de Montepío ficou seriamente cuestionado en dous asuntos de notábel relevancia:a reordenación do sistema de transporte por estrada e a reclamación da transferencia da titularidade da AP-9.No primeiro, non foi quen de actuar coa capacidade de antecipación que resulta esixíbel a calquera mandatario gobernamental.A súa falta de dilixencia provocou a emerxencia e radicalización dun conflito que causou danos visíbeis a milleiros de persoas que fan uso habitual dese servizo público.
No caso da AP-9, choveu sobre mollado.O ministro de Fomento -que algúns profetas mediáticos especializados nas loitas cainitas do PP sitúan na futura carreira sucesoria de Rajoy- chegou e mandou calar ao político nado nos Peares.A verdade é que non resulta doado establecer se é mais grave a negativa á petición unánime formulada polo Parlamento galego ou o argumento principal utilizado polo representante do goberno central para xustificar semellante posición.Desprezar a opinión da Cámara do Hórreo xa ten precedentes na historia do PP:antes Aznar e agora M. Rajoy non tiveron escrúpulos á hora de practicar unha singular “doma” da organización galaica do seu partido aínda que dispuxera dunha maioría absoluta e tivera liderados tan consolidados como os de Fraga e Feijoo.
Non sabemos se o argumento exhibido por Iñigo de la Serna -os efectos perniciosos da posíbel xeralización da tansferencia demandada polo poder lexislativo galego- é un farol verbal provocado por este tórrido verán ou pretende sentar o principio de que mentres dure o conflito catalán as demais institucións deben estar en posición de firmes e no primeiro tempo do saúdo militar.Feijoo terá que elixir entre aceitar esa parálise permanente que lle ordenan dende a Moncloa ou asumir que a presidencia do goberno galego implica un mínimo de coerencia e que a redistribución das competencias entre as distintas instancias que operan nos territorios do Estado non figura no catálogo de iniciativas proibidas polo designio dun ser superior que decide sobre as vidas e as facendas dos “súbditos” que habitan no “noroeste” peninsular.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting