Viciados pola realidade

Falar de éxito do que sen dúbida é un fracaso colectivo, retrata a unhas organizacións sindicais, ás que unha inxente cantidade de traballadores non recoñece como representantes dun colectivo, canso de ter que pagar polo que non teñen culpa.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 06/10/2010

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Unha folga xeral que partía dunha premisa de ataque á reforma laboral dun goberno socialista, obrigado polas circunstancias da intervención de facto de Bruxelas na nosa economía, e encadeado ao fracaso da súa incapacidade de xestión. Se unha persoa do estranxeiro observase con certo interese, as campañas do sindicato socialista UXT para alentar aos traballadores á folga, podería sacar a equívoca conclusión, que as mobilizacións son na contra da oposición política e da “demoníaca” patronal, máis que da xestión dos que non son quen de levar as rendas do país. O certo é que estes sindicatos estatais quedan marcados ante a opinión pública, como cómplices necesarios por omisión, dun executivo socialista a nivel do Estado esgotado xa incluso na súa capacidade de improvisación.

A indecencia da carta libre coa que actúan os piquetes “informativos”, -nalgúns casos ao máis puro estilo da kale borroka-, a impresentable actuación dalgúns empresarios coaccionando aos seus traballadores, e a ignominia gobernamental, fan un cóctel explosivo que debuxa un panorama bastante desalentador, con respecto á situación laboral que temos por diante. Se os mesmos que consentiron que o déficit público estea en niveis non soportables, e os que soben os impostos freando o consumo, pretenden dar agora leccións éticas á nosa xa moi cansa sociedade, temos un problema estructural que só pode ter unha solución inicial na convocatoria de eleccións, ou na máis que xustificada moción de censura.

O executivo socialista, e a súa militancia partidaria, deben reflexionar se non chegou a hora de mudar de líderes a nivel estatal, para poder rexenerar un pensamento socialdemócrata con visos de quedar seriamente tocado, cara o anhelo de dirixir os destinos dun país claramente con tendencia de centro esquerda. Vimbios para facelo teñen de sobra nas persoas de Rubalcaba, Blanco, e algún máis. O problema e convencer ao aparato do partido da existencia de mazás podres, –politicamente falando-, que vician o apetecible consumo das que están en bo estado.

E mentres, os sindicatos seguirán omitindo a realidade en función do que lles conveña en cada momento, non vaia ser que chegue ao poder “a dereita”, coa que no seu momento firmaron numerosísimos acordos...

Ou non?

Rafael Cuiña