Consultar á sociedade catalá

A esta altura, calquera persoa que pretenda analisar con rigor a situación que se vive en Catalunya ten que recoñecer que xa non existe, no seo do seu corpo social, o amplo acordo que se rexistraba dende o posfranquismo sobre as fórmulas de relación coas demais nacións e comunidades que conforman o Estado español.Para comprender os factores causais desta realidade é preciso proxectar a visión analítica ao conxunto da última década.

Por Xesús Veiga | Compostela | 25/09/2017

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O filme do conflito nacional catalán comezou coa aprobación da reforma do Estatut -e o posterior recurso presentado polo PP diante do TC- e aínda non ten unha data concreta para o seu remate.Hai políticos -nomeadamente do PP, C's e PSOE- e diversos opinadores que pretenden reducir o foco da atención pública a determinados fotogramas recentes (aprobación de leis de ruptura polo Parlament, convocatoria dun referendo para o 1 de Outubro...), ignorando cómo e por qué se chegou aí.Para esas persoas, a simplificación está servida:atopamonos ante unha secuencia de actos ilegais -a respecto do ordenamento vixente no Estado- que deben ser submetidos á pertinente represión xudicial.E punto.E cando se alude ao dato indiscutíbel de que nas últimas eleccións ao Parlament o 47% dos votantes apoiaron a forzas independentistas (por non citar o 70% que desexa a realización dunha consulta sobre o futuro político desa nación), a resposta colocase nun terreo no que se combina o surrealismo coa conspiranoia:se ocorre unha cousa así é porque houbo unha manipulación das mentalidades a través do sistema eduacativo e dos medios de comunicación públicos e privados.Obviamente, esa explicación non opera cando se trata de explicar, por exemplo, a persistente hexemonía política que posúe o PPdG.
 
A condición necesaria para atopar lugares de encontro entre as institucións de Catalunya e do Estado sería establecer un diagnóstico común sobre o que ten sucedido nos últimos anos.A partir dese acordo mínimo podería comezar o traballo -complexo e sen garantías previas de éxito- para buscar fórmulas capaces de suscitar novos consensos políticos a respecto da relación da sociedade catalá co Estado español.Dende o ano 2012, o goberno de Mariano Rajoy desprezou as posibilidades que se lle ofreceron dende outros sectores políticos:o pacto fiscal proposto polo ex-president Artur Mas ou determinadas reformas constitucionais que posibilitaran un novo status da nación catalana na arquitectura estatal.Todas foron rexeitadas dende a soberbia absolutista da maioría existente no Congreso e co arrogante prognóstico de que o proceso social e político que se vivía en Catalunya era un “soufflé” que non aguantaría o paso do tempo.
 
Para facer viábel unha saída á situación totalmente bloqueada na que se atopa a relación entre as distintas institucións implicadas resulta imprescindíbel coñecer a vontade da sociedade catalá a través dunha consulta específica.A negativa que veñen mantendo o PP e C's non se compadece coa reclamación de eleccións antecipadas que veñen formulando destacados dirixentes destes partidos (e tamén do PSC).Semellante proposta supón un recoñecemento implícito de que é imprescindíbel saber o apoio que ten cada unha das opcións.Supoñamos que Puigdemont convoca, nas vindeiras semanas, eleccións ao Parlament:qué dirían e qué farían Rajoy, Rivera e Sánchez se o resultado mantén ou incrementa a representación política das forzas independentistas?Refuxiarianse, mais unha vez, na coartada da legalidade constitucional?
 
Se quere, Mariano Rajoy pode buscar o asesoramento do seu amigo Cameron ou das forzas homólogas actuantes no Canadá.Dous exemplos históricos recentes -Escocia e Quebec- de cómo é posíbel artellar un referendo que permita canalizar un conflito nacional.Se hai vontade, existen mecanismos democráticos que están aceitados na comunidade internacional.
 
Co actual texto constitucional sería posíbel acordar e convocar un referendo en Catalunya.Utilizando o artigo 92 desa norma, o Congreso podería transferir ao Parlament a potestade para promover a consulta.Obviamente, deberían consensuarse as condicións concretas (pregunta, niveis de participación esixidos...) para celebrar semellante proceso.
 
Se non se aceita a constitucionalidade literal desa opción, podería artellarse unha reforma da Constitución específica, acotada á realización dun referendo, que permita coñecer a vontade do sorpo social de Catalunya a respecto da súa relación co Estado.
 
Hai posibilidades legais para saír do actual labirinto.Existe vontade para buscar ese camiño?
 

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.