Por Xesús Veiga | Santiago | 25/10/2010
Necesitaba practicar a vella máxima lampedusiana de cambiar algo para que todo siga igual.Non podía reducir a lista de altas gobernamentais á persoa substituta do superamortizado Corbacho.Tampouco podía xubilar aos mais directos executores da política económica para non provocar desconfianza nas autoridades de Bruxelas e nos mercados financeiros.Con eses limites, estaba obrigado a preparar un cóctel variado que lle permitira tomar a iniciativa no decisivo territorio da imaxe e colocar ao PP na tesitura de reconstruír parcialmente o seu argumentario.A dupla circunstancia de que o novo ministro de Traballo sexa un dos manifestantes contabilizados na xornada do 29-S e de que a sucesora de Julio Anguita na alcaldía de Córdoba asuma unha carteira ministerial resulta suficientemente ilustrativa a respeito do obxectivo central da remodelación:buscar a reconciliación cos segmentos do electorado que, a día de hoxe, están dubidando entre a abstención ou o desprazamento cara outras opcións que consideran ubicadas no universo da esquerda.
Nesta operación cosmética, Rodríguez Zapatero paga algunhas peaxes simbólicas non previstas na súa inicial folla de ruta presidencial:a redución do número de mulleres no gabinete, a devaluación formal do departamento de Igualdade e o regreso triunfal da xeración felipista.A cambio, aproveita esa singular “caixa B” que posúe dende hai anos o Partido Socialista no vello PCE e consegue incorporar a Rosa Aguilar a pesar da nula fasquía socialdemócrata das medidas que conforman, neste momento, a axenda económica gobernamental.
Co que agora está chovendo, a recomposición da base electoral do ano 2008 semella misión imposíbel.O gran mudo Rajoy confía nos efectos demoledores da contundente taxa de paro e na fidelidade dos seus votantes, capaces de aguantar a corrupción do Gürtel e as noxentas arroutadas de todos os alcaldes de Valladolid que habitan na galaxia do PP.O único problema para D. Mariano é se a dose exhibicionista das miserias do seu partido resucita aos desencantados co goberno Zapatero.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting