Por Xesús Veiga | Santiago | 07/11/2010
Os debates suscitados posúen, case sempre, unhas doses notábeis de superficialidade e da consabida demagoxia que destila a práctica da famosa metáfora bíblica que avisaba da facilidade para ver a palla no ollo alleo e non localizar a viga no propio.
Cualificar de elevadas ou razoábeis as nóminas do persoal político depende dos parámetros que se utilicen para construír o xuízo definitivo:nivel salarial medio da sociedade na que desenvolven o seu labor; retribución dos directivos das empresas privadas con responsabilidades mais ou menos equivalentes; dedicación efectiva ao cargo que ocupan nas institucións; capacidade contrastada na realización das tarefas que teñen encomendadas; volume do salario recibido na profesión habitual desenvolvida antes de ocupar a responsabilidade política de referencia...
O coñecemento público dos ingresos recibidos por Mª Dolores de Cospedal durante o ano 2009 permite afirmar que a situación da secretaria xeral do PP é un despropósito absoluto.Que teña cobrado 167.864 euros polo exercicio do seu cargo no partido, a maiores dos 69.310 euros percibidos pola súa condición de senadora, non encaixa con ningún parámetro de racionalidade que se quixera alegar por parte dos dirixentes da rúa Génova.E moito menos cando as finanzas deste partido –como é habitual no sistema político español- están alimentadas maioritariamente por recursos procedentes dos orzamentos públicos.
“Canto gaña vostede?”, preguntáballe recentemente o director de EL PAIS a Mariano Rajoy.A resposta é reveladora dunha preocupante opacidade:”Pois eu debo gañar uns seis mil e bastantes mais euros netos ao mes, ademais da asignación de case 3.000 euros pola miña condición de deputado”.Conclusión:non sabemos con exactitude (“bastantes mais”, “case”) a nómina do máximo dirixente do principal partido da oposición nin somos capaces de resolver a dúbida sobre a existencia ou non dunha xerarquía salarial entre o presidente e a secretaria xeral do PP.
Que Dolores de Cospedal ou Mariano Rajoy –ou calquera outro responsábel político- perciban dous soldos non é admisíbel no plano da ética política por moito que resulte posíbel de acordo coa legalidade vixente.
Todas as persoas afectadas deberían eliminar con urxencia as graves dúbidas que sementou o caso da secretaria xeral do PP.De non ser así estariamos asistindo a unha solemne cerimonia de hipocrisía:pola mañá predican austeridade nas comparecencias parlamentarias e polo serán fan caixa na sede do partido.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting