Por Rafael Cuiña | | 06/11/2010
Ratzinguer chega como pastor de fieis a unha cidade santa da cristiandade, na que os aspectos da súa visita son moito máis positivos que negativos. O impacto dunha visita deste calibre para Compostela, cunha proxección de imaxe impagable doutro xeito, debe facer reflexionar aos críticos, que o fan dende un punto de vista laico. Á marxe da evidencia da nosa condición de Estado aconfesional, que o guía espiritual de tantos millóns de católicos se dirixa ao mundo dende a impoñente praza do Obradoiro, debe merecer o respecto debido, nun entorno no que a confesión católica é inmensamente maioritaria. Balzac podería perfectamente escribir un capítulo da súa “A Comedia Humana”, dentro das “Escenas da Vida en Provincias”, para retratar o que por unhas horas vai acontecer en Compostela, e os seus efectos colaterais.
Claro que, a liberdade tamén consiste en poder criticar que no susodito Estado aconfesional, a visita dun xefe de Estado estranxeiro sexa costeada cos impostos de todos, a pesares do seu evidente rendemento para o entorno compostelán, ou numerosísimos aspectos de corte ético-moral, que a Igrexa a día de hoxe obvia no seu autogoberno funcional. Os desprezables silencios da curia vaticana sobre os abusos a menores en case todo o orbe católico, ou as presuntamente pseudo mafiosas prácticas da banca vaticana que tan ben recollía Coppola na terceira parte da saga “O Padriño”, son a antítese dunha institución creada fai máis de 2.000 anos para ser guía e exemplo á cristiandade, e á que tantas veces defraudou fagocitando a súa esencia de facer eso tan etéreo, e necesario, chamado “o ben”...
Non é precisamente Ratzinguer un santo pai carismático se o comparamos con anterior pontificado de Wojtyla, ao que eu modestamente considero un dos políticos máis decisivos do mundo no século XX, mais o que representa, a pesares de tanta escuridade nas catacumbas vaticanas, ten que estar por riba de carismas e telexenias ocasionais. Negar a labor da igrexa no mundo por principios, é unha necidade impropia de mentes obxectivas. Afirmar que a mesma institución está sempre á altura das circunstancias, é simplemente faltar á verdade e á evidencia.
Benvido pois Bieito XVI, mais a vaquiña polo que vale... No Deus no que eu creo, non ten precisamente problemas de liquidez.
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting