Cando vin o Presidente Puigdemon da man da Sra. Marcela Topor entrando na sede do Parlamento, comprendín que esta vez si era a definitiva para declarar a independencia. Somos humanos e, esta característica, é uniformadora de moitos dos comportamentos sociais con vestimenta de políticos. A ideoloxía de clase quizás permita darlle outra mirada.
Atrás quedaba toda unha morea de feitos da preparación, organización e construción para unha declaración de Cataluña como república independente. Os acontecementos precipítanse e amontóanse nunha secuencia, ás veces caótica, outras contraditoria, e sempre tensa porque nunca un proceso desta natureza pode ser distendido.
Vinte e catro horas antes parecía que a historia contada na escrita coas vísceras tíñanlle reservado un espazo no capitulo da traizón, mais de súpeto @s mesmos erguérono ao anfiteatro da dignidade e da gloria. "Que fraxilidade ten algunha xente", matinei, mais inmediatamente comprendín, de novo, que somos humanos, coas nosas potencialidades e debilidades. As pescudas do que aconteceu neste período de tempo son mais importantes para clarificar por que se fai a convocatoria de novas eleccións via artigo 155 da constitución española cando todo aparentaba que ian ser convocadas desde a Presidencia Catalá.
Un proceso político non sempre ten unha lóxica formal no seu desenvolvemento. Este obedece á complexidade da tramoia que o envolve e condiciona. En cada paso que se dá (tanto adiante como viceversa) non debemos desprezar na nosa análise que durante moito tempo o novo que se quere construír deberá convivir co vello. E iso é un hándicap de partida. Convén non esquencelo.
Antes de poñerme a escribir esta entrada, mirei de novo a resolución do Parlamento Catalán para clarificarme. A sesión parlamentar, o formato e a votación secreta fixose con intencionalidade xurídica ( comparar parte resolutiva con parte dispositiva ). É como unha partida de xadrez con “xenialidades e burramias”, que ás veces parecera que é favoábel a brancas, noutro día a negras, e ao seguinte, unha sociedade partida en dúas metades. No relato de parte, o contrario, sempre xoga con negras
Como non teño coñecementos xurídicos para embarcarme en disquisicións interminábeis nesta materia, confórmome con reafirmarme no meu anterior artigo titulado “Adrede”. O que se está facendo pódese comprender mellor no campo das tácticas e as estratexias que os eixos en contenda están a desenvolver.
As palabras ás veces teñen significados moldeábeis a conveniencia de parte. Non acerto a comprender como unha resistencia pode cualificarse como unha rebelión pero polo escoitado, todo é posíbel. Unha cousa son os poderes do Estado e outra ben diferente un faladoiro de café ou unha opinión a respecto diso. Polo menos iso debería ser. Xa veremos que fai finalmente o Fiscal Xeral do Estado coa súa demanda ao Goberno catalán, á mesa do parlamento e quen sabe a quen máis e cando. Xa valoraremos e interpretaremos os resultados do 21 de decembro pero a partida seguirá.
Unha data de proceso eleitoral, unha contenda agora de"lexitimidades", e un territorio cheo de xente que vai ser chamada nuns días a que resolvan unha ecuación formulada para a convivencia en paz desde o confronto. Non é pouco pero é o que toca.
Pareceume interesante e arriscado, a estas alturas da película, ensaiar no campo do xogo que queda por xogar e de aí saíron os tres seguintes artigos que vos farei chegar ( A sorte non está botada, Raxoi non é parvo, E agora que?) nos que trato de botar luz nos acontecementos que tanta paixón están producindo e que con seguridade condicionarán o futuro político, ambiental e vivencial.
Fermín Paz