Por Xesús Veiga | Santiago. | 23/11/2010
O ex-presidente protagonizou un deses exercicios característicos dos persoeiros egocéntricos que non poden vivir lonxe das primeiras páxinas dos periódicos ou das aperturas dos telexornais.Recoñeceu implicitamente que, durante moitos anos, o Estado atravesou a liña vermella que separa a legalidade da delincuencia coa pretensión de neutralizar a violencia de ETA.E suxeriu a existencia dunha relación causa-efecto entre os episodios da chamada “guerra sucia” e o cambio na política antiterrorista seguida pola Administración francesa.A grande incógnita da entrevista é a súa propia realización nun momento no que hai unha ampla coincidencia no diagnostico de que nos atopamos na fase terminal de ETA.Por qué, precisamente agora, González saca a pasear a pantasma dos GAL?Para reivindicar as figuras de Barrionuevo, Vera, Galindo ou Amedo ante un previsíbel punto final que obrigue a desenvolver un complexo e demorado proceso de reconciliación entre os protagonistas directos e indirectos da traxedia social e moral vivida nas últimas décadas?
Sexa por vaidade, por vinganza ou por cálculo político o certo é que as palabras de Felipe González alimentan a desafección na que fica instalada, dende hai certo tempo, unha parte dos votantes do PSOE.A pesar de que os episodios do GAL non tiveron, no seu momento, o impacto electoral negativo que sería desexábel nunha democracia de elevada calidade e aínda considerando a grande incertidume do impacto nas urnas dun eventual abandono das armas por parte de ETA, a equipa de Zapatero non necesitaba este singular exemplo de “fogo amigo”.Moito mais cando o PP practicou, a través de González Pons e de Fraga, a dupla mensaxe de cubrir a X do organigrama elaborado por Garzón e, simultaneamente, pedir un silencio comprensivo cos xestores das cloacas do Estado.
E por se todo iso fora pouco, a reacción do goberno de Zapatero ante a enésima violación dos dereitos humanos no Sahara por parte do réxime de Marrocos demostrou ate onde chega a lóxica da subordinación da defensa dos valores democráticos aos intereses –políticos, económicos, militares- dunha relación privilexiada co veciño norteafricano.A maioría da opinión pública e do propio corpo electoral socialista non comparten unha liña de actuación que supón o práctico abandono do compromiso histórico adquirido coa poboación da ex-colonia española.En todo caso, pasan os días e fica sen resposta unha pregunta elemental:por qué non se involucra o actual Xefe do Estado na resolución deste conflito facendo valer as reiteradas proclamas de amizade –e mesmo de parentesco- existentes entre os titulares de ambas monarquías?
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting