Por Rafael Cuiña | Lalín | 30/11/2010
Cataluña deu na noite do pasado Domingo, unha lección de civismo e pluralidade ideolóxica admirable, e dificilmente exportable. A victoria do nacionalismo moderado de CIU, non fai máis que deixar o mapa político catalán moi próximo ao que poderíamos considerar o seu “estado natural”, no que a burguesía do país tradicionalmente marca as pautas dunha sociedade moderna, competitiva e con arelas europeistas. O novo President in pectore Artur Mas, representa unha nova xeración de políticos cataláns, que tendo presente o legado de Pujol, atópanse cunha unha realidade social distinta, e polo tanto con necesidades diferentes, á do xa mítico dirixente catalán. Os retos son dun calado semellante, pois mentres Pujol tivo que liderar á Cataluña que volvía a autonomía, despois da transición democrática, xunto co finado Tarradellas, Mas debe liderala nun contexto de fonda crise económica, e coas contas públicas máis que tocadas.
O desastre do PSC, non é máis que a demostración palpable do inicio dunha longa travesía do deserto do pensamento socialista no conxunto do Estado, no que a crise que sen dúbida non provocaron, -mais mal xestionan-, fai que a socialdemocracia estea nas súas horas máis baixas, á necesaria espera dunha catarse ideolóxica que volva a ilusionar aos seus potenciais votantes. Montilla non é máis que unha víctima da situación actual, e das prioridades dun Zapatero, ao que o seu posicionamento de “esquerda romántica”, (como o definen os USA nos informes filtrados Wikileaks), fixo que un tripartito de esquerda fracasase, fronte a outras fórmulas políticas posiblemente máis intelixentes. O PP de Catalunya acada o mellor resultado da súa historia, subido a unha ola que probablemente os leve, por “incapacidade” do contrario, á Moncloa.
Polo demais, a entrada de Joan Laporta e os seus no Parlament, xunto coa baixada estrepitosa de ERC, fan que o independentismo catalán, pase dunha posición de forza a unha desmembrada marxinalidade nas institucións, positiva para entender con racionalidade o papel a desenvolver do pobo catalán no conxunto do Estado. O preocupante, -é dentro da satisfacción da desaparición de facto de UPyD,- é a existencia de 75.000 persoas a piques de conseguir representación parlamentaria, votando a un partido xenófobo e ultradereitista como o da Plataforma per Catalunya de Angladas. Unha situación á que os demócratas debemos estar atentos...
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting