Por Xesús Veiga | Santiago | 06/12/2010
Ter a posibilidade de coñecer, polo miúdo, a grande distancia que separa a retórica das proclamas en favor dos dereitos humanos da real vontade de transgredilos por parte de moitos responsábeis gobernamentais –encabezados pola propia Administración norteamericana- constitúe unha osixenante terapia para todas as persoas que protagonizan a historia pero non pertencen ao círculo selecto encargado de escrebela.
O apartado dedicado ás actividades da embaixada USA en Madrid ofrece, polo momento, episodios demostrativos da coñecida dupla linguaxe imperante na política dos grandes partidos e conten preocupantes indicios sobre a eliminación práctica da división de poderes que debe presidir a existencia mesma dun Estado de dereito.Polo que nos din eses papeis, a morte do Xosé Couso supuxo un novo enterro de Montesquieu, esta vez nas rúas de Bagdad.Mais alá das eventuais consideracións xuridíco-penais, resulta conmovedor contemplar a grande dispoñibilidade dalgúns persoeiros do aparato xudicial español ante as suxestións e peticións formuladas polos representantes do amigo americano.
Que Aznar posúe unha elevada autoestima no seu papel de novo caudillo capaz de salvar a España da perversa conspiración “separatista-progresista” non é ningunha sorpresa.Que Mariano Rajoy vive rodeado de moitos Brutos preparados para asaltar, na primeira ocasión que lles brinde o mercado electoral, o seu despacho da rúa Génova non precisaba das indagacións do embaixador norteamericano.Pero xa saben vostedes que todo o que procede das factorías de Washington ten un certificado de calidade indiscutíbel para quen acredita no “american way of life”.A menos que agora todos os que apoiaban a versión de Bush sobre o Iraq de Hussein decidan considerar que os documentos publicados están inzados de mentiras.
Wikileaks é a proba do nove da fortaleza potencial da liberdade de expresión.Anúncianse novos papeis sobre as actuacións dalgún banco importante relacionado coa crise que estamos a padecer.Ante os medos demonizadores dos que queren vivir a media luz, resulta pertinente formular un desexo:que xurdan mil Wikileaks mais.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting