No tratamento da corrupción, Mariano Rajoy e os demais dirixentes da rúa Xénova colocaron o foco, desde o inicio, nos tribunais de xustiza.Todos os casos nos que se rexistraron condutas gravemente atentatorias aos valores que deben presidir o funcionamento dun réxime democrático substraéronse, de facto, á investigación e debate en sede parlamentaria e só se aceitaron as responsabilidades políticas cando se estableceu, no pertinente procedemento xudicial, a eventual comisión de tal ou cal delito.Como é sabido, a mentira é un recurso que está lexitimado en calquera estratexia defensiva por parte das persoas imputadas nun proceso penal pero non debería ser admitido -por carecer da mínima solvencia ética- no desempeño da actividade política.
No conflito catalán Rajoy renunciou a calquera formulación política proactiva.Limitouse a esperar e ver cómo, progresivamente, ía adquirindo un maior peso específico o factor xudicial.En dúas dimensións:establecendo unha nova e pintoresca capacidade sancionadora do Tribunal Constitucional e promovendo unha belixerante actitude da Fiscalía Xeral do Estado contra diversos dirixentes independentistas.Na Moncloa creron durante varios anos na teoría do suflé (o movemento reivindicativo que se vivía en Cataluña reduciríase co paso do tempo) e, máis tarde, encomendáronse a un ríxido positivismo xurídico:só se pode ofrecer o que está na lei (interpretada, ademais, no sentido restritivo marcado polo Constitucional) e do demais non se pode falar.As lentellas eran o menú permanente que se prescribía desde as cociñas do poder administradas polo PP. Ao final, Mariano Rajoy refuxiouse nun burladero xurídico (o artigo 155 da Constitución) para adoptar as decisións de maior calado político neste asunto:destitución do goberno da Generalitat e disolución do Parlament para convocar eleccións anticipadas.Fíxoo a pesar de rexeitar, en semanas anteriores, a petición insistente dun Albert Rivera ansioso de captar o voto españolista máis integrista.Cando se carece dunha folla de ruta propositiva nun problema desta envergadura pódeche gañar pola man o teu competidor electoral máis próximo.O suflé ten estas cousas.
Xesús Veiga