Por Rafael Cuiña | Lalín | 14/12/2010
Estes días pasados, escoitaba ao líder do Partido Popular en España, facendo a promesa de reducir á metade as cifras do paro no conxunto do Estado. Do “laboratorio” de Arriola, sae unha promesa dificilmente realizable, e á que todos os parámetros económicos dan poucas trazas de poder facer fronte. Partindo da base de que os datos do paro difiren en función de se son tomados do INEM, ou da EPA, e que falan de catro millóns de parados en un caso, cando a teimuda realidade indica que estamos máis próximos á desproporcionada cifra dos cinco millóns, a pregunta sería se esa reducción a metade sería para os catro, ou para os cinco millóns de desempregados.
Se todos os indicadores económicos falan para o exercicio do 2011 dun moi pequeno crecemento sempre por debaixo do 2%, e o inicio dunha mellora non demasiado significativa para o 2012, como será posible rebaixar a cifra do paro, cando non é posible crear emprego por debaixo do 2,5-3% de crecemento?. Os cidadáns buscan dos seus líderes unha transparencia na súa mensaxe, que habitualmente se perde nos meandros do electoralismo salvaxe e pouco ético. A presente lexislatura partía coa premisa e a promesa electoral do “pleno emprego”, cifra que se considera cando o paro está por debaixo do 5% da poboación activa, e estamos en parámetros do 20%, e medrando... O candidato socialista naquel momento, ou ben por acción ou ben por omisión, mentiu á cidadanía, debuxando un idílico panorama económico, que como é evidente resultou ser máis ben un averno terrenal para miles e miles de españois sen emprego.
A Historia como é tan teimosa, repítese, e agora o candidato popular promete o que non vai poder cumprir, a pesares da probabilidade de gobernar de novo nun ciclo económico positivo de crecemento, e co traballo “sucio” feito, polos pésimos xestores socialistas. Os máis avezados, lembrarán a promesa electoral incumprida no seu tempo de Felipe González dos 800.00 postos de traballo, ou a do propio Zapatero dun millón de “empregos verdes” nos próximos anos. Ese “bucle” de promesas incumpridas dos políticos de todo signo, deberían facer reflexionar ao votante medio, sabendo que o que non é posible, simplemente non é posible... e que unha vez máis non nos deberían tomar por parvos...
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting