E Mahoma foi a montaña

Levábamos tempo reclamando que o aspirante ao palacio da Moncloa, “saíse do armario” das propostas de goberno no que semellaba estar metido, e así o fixo en termos xerais, aínda que de xeito un tanto ambiguo.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 03/02/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 Aínda que Rajoy poida parecer en ocasións un anacoreta, o certo é que as propostas pormenorizadas estes días nun diario de tirada estatal, revelan o traballo do seu equipo económico, moitos dos cales, -encabezados por Cristobal Montoro-, xa o eran do mellor ministro de economía da democracia, Rodrigo Rato. Pode dar a sensación que algunhas entran na demagoxia tan tópica en períodos electorais, ás que o tempo nega pola imposibilidade de facto de afrontalas. Sacar a España da crise en dous anos, non deixa de ser máis unha declaración de intencións, que unha realidade potencialmente realizable. Todos os indicadores económicos aseguran a imposibilidade da economía española de medrar por riba do 2%, antes do 2013, co que a creación positiva neta de emprego sería imposible. O certo é que é practicamente imposible xestionar as contas do Estado de xeito máis chapuceiro do que o está a facer o actual goberno socialista, mais a actual estrutura económica de España, e os dous anos perdidos nas reformas ás que agora comezan a facer fronte, poñen moi complicado o obxectivo marcado por Rajoy.

 
A vantaxe que vai ter o futuro executivo popular, vai ser o cambio de ciclo económico a positivo, e a evidencia da gran parte do traballo sucio feito polo actual goberno de Rubalcaba, presionado polos mercados, e esixido por Bruxelas. A baixada da presión impositiva ás PYMES, a rebaixa do IVE a un sector estratéxico dos poucos que aguantan a situación como é o turístico, ou a venda das empresas públicas de dubidoso rendemento, son medidas máis que positivas e necesarias. É como na vida mesma, cando alguén pasa dificultades, non lle queda máis remedio de vender patrimonio, para facer unha caixa que outros deixaron valeira. O que non pode ser é unha política xeral de venda de activos públicos. O prudente sería estudar caso por caso.
 
Son dos que pensa que, na súa primeira lexislatura, o goberno de Zapatero foi exemplar nas súas políticas sociais, mentres o que agora dirixe Rubalcaba é a antítese da socialdemocracia en tales políticas. O que debe ter claro o executivo que forme Rajoy, é que algunhas conquistas sociais deben estar por riba da confrontación ideolóxica dereita-esquerda, porque son beneficiosas para o conxunto da sociedade, aínda que un teña moitas dúbidas sobre a posibilidade de abortar libremente unha rapaza menor de idade.
 
Concordo co líder en que cuestionar o actual Estado das Autonomía é un disparate, mais o problema é cando os oráculos do pasado, ameazan realidades tanxibles fóra das cales moitos deixaríamos de estar cómodos. Os vasos chineses, mellor no faiado…
 
Ou non?

Rafael Cuiña