Por iso resultou especialmente chamativo o sucedido co gallo da manifestación celebrada o domingo 18 de Marzo en Barcelona e promovida por Sociedade Civil Catalá ( SCC).A convocatoria foi apoiada por Cidadáns, PSC e PP, ademais de contar coa presenza activa de Manuel Valls, anterior primeiro ministro do goberno socialista francés. O acto non tivo a proxección mediática de ocasións anteriores, talvez porque o nivel de asistencia foi sensibelmente menor a outras anteriores ou quizais porque tivo lugar nunha fin de semana dominada polas masivas manifestacións en defensa dunha maior revalorización das pensións.
En calquera caso, as crónicas resaltaron a participación de diversos líderes políticos para certificar a importancia do sucedido.A sorpresa apareceu cando se repasa a lista concreta dos “ vips” e descóbrese que ademais de Iceta e Xabier Albiol concorreu Albert Rivera pero non Inés Arrimadas.A pregunta inmediata é inexcusábel:por que estivo ausente a persoa que preside o grupo parlamentario máis numeroso da Cámara lexislativa catalá? Se buscan a resposta nas informacións proporcionadas pola maioría dos medios non atoparán a versión explicativa de semellante feito relevante.
Ante esta sombra informativa, as especulacións están abertas: trátase dalgún tipo de indisposición non prevista? Se foi así, por que non se transmitiu previamente? Estamos ante algunha incomodidade política da lideresa do partido laranxa en Cataluña? De ser así, a que obedece tal circunstancia?:discrepancias coa oportunidade da iniciativa de SCC?; disputas internas con A. Rivera pola repartición da cota de protagonismo mediático?
Resulta indiscutíbel que a figura de Arrimadas foi un factor moi importante no resultado obtido por C' s o pasado 21 de Decembro.A pesar de que este feito foi recoñecido implicitamente polo PP, Mariano Rajoy reuniuse con Rivera na Moncloa poucos días despois da cita electoral para falar sobre a nova situación política xerada por semellante acontecemento.Aquela clamorosa ausencia de Arrimadas xa permitía imaxinar que o interlocutor do presidente do goberno quería gardar, celosamente, o monopolio da representación do partido máis votado naqueles comicios.
Pasados varios días da manifestación de Sociedade Civil Catalá persiste a incógnita sobre os motivos da non presenza de Inés Arrimadas.Que se diría se Pedro Sánchez non participase nas recentes mobilizacións do 8- M e dos pensionistas? Por que se mantén este espeso silencio informativo e valorativo?
Xesús Veiga