Son os riscos dos que nacen para a política cando caen as follas. Novas xeracións de políticos, abraiados polo que observan nun orbe partidista, en cuxa falla de ética non acreditan, mais por saír en determinadas fotos aínda calan. Poucas cousas son máis detestables na política que o transfuguismo. Cando os pactos para rematar con esta lacra, nacen sen deixar de ser máis que nasciturus aos que os seus ascendentes non terminan de recoñecer, concordaremos en que os seus códigos xenéticos están lonxe de coincidir cos éticos. O “cordón umbilical” que une aos tránsfugas e os seus indutores coa corruptela vital, é difícil de separar dun corpo que se retroalimenta de insidia existencial, e que pensa en medrar a base de obscenidade política.
O PSdeG exemplarmente tomou o acordo de non levar a estes elementos distorsionadores chamados tránsfugas nas súas listas, mentres no conxunto do Estado hai casos sangrantes desa formación como o caso de Benidorm, que probablemente os desautorice nunha campaña para defender determinadas posicións políticas. O Partido Popular de Ourense anunciou estes días similar compromiso ético coa democracia. Significados candidatos a alcalde do Partido Popular como o de Ferrol, ou o de Lugo, mostran a súa firme determinación de estar á marxe deste cancro para a política. Todos estes exemplos albiscan esperanza ante a inmundicia, e desautorización aos vicerreis indutores doutros lares.
O que no sería entendible, é que dirixentes serios e responsables como sen dúbida ten na súa cúpula o Partido Popular de Galicia, permitisen que a formación política máis importante do país, consentise por presións insondables e insostibles, de mediocres que circunstancialmente ocupan postos para os que non están preparados eticamente, levar nas súas listas tránsfugas. O que sería a demostración do “todo vale” na política, debe trocar en acción decidida dunha formación de 100.000 exemplares militantes, que sen dúbida desexan que a formación pola que apostan e traballan, dea exemplo aos demais do que debe ser o futuro nun país onde no caben indutores, nin por suposto inducidos…
Seguro que a militancia popular, e a súa dirección, está lonxe da inmoralidade supina da ambición por riba da decencia.
Ou non?
Rafael Cuiña