Por Rafael Cuiña | Lalín | 19/02/2011
Debate que xurde sen dúbida dende os sectores máis “ultras” centralistas, mais vaise facendo transversal, pola comodidade na que navegan tanto dende a dereita en teoría máis moderna, como dende o socialismo máis xacobino, encabezado pola revista de Alfonso Guerra.
Comparto co presidente galego a idea básica de que todos os modelos da administración, necesitan dunha necesaria reflexión sobre a eficacia e rendibilidade do gasto público. É certo que a hipocrisía centralista en xeral, pretende emendas á totalidade, sobre a concepción do Estado das Autonomías, que afloran en tempos de crise, cando o pobo ten maior receptividade a propostas demagóxicas, que non fan máis que tapar conviccións ideolóxicas de corte pre democrático. Cando o ciclo económico era positivo, ninguén cuestionaba modelos aceptados socialmente, mais cando aperta a situación económica que xeraron probablemente os mesmos que buscan situacións regresivas, saen a escena os que acazapados no silencio da nostalxia non entendida, xa cuestionaban no seu momento o Título VIII da Constitución.
A obsesión polo mercado único, ou a igualdade fiscal entre as comunidades do Estado español, -nunha clara indirecta ao cota vasco-, fan que as intencións de “podar” (sic) o modelo autonómico, sexan prioritarias para persoas como o Presidente de Extremadura, nominalmente socialista. Si podo compartir o absurdo e innecesario da duplicidade competencial, ou a necesidade dun teito de gasto para todos. Tamén podo entender as críticas do Presidente galego aos permanentes cambios de criterio para a financiamento autonómico, ou a crítica á actitude do Estado con respecto ao financiamento de leis como a da dependencia, cando o Estado compromete ás autonomía a gastos que non pode pagar; mais o que resulta sospeitoso é non entrar no fondo da cuestión, que non é outra que a teima dos poderes fácticos de rematar con todo aquilo que cheire a diferente, por cuestións bastardas lonxe da ideoloxía argumentada.
Un, que é partidario dos máximos niveis de autogoberno, do concepto “fraguiano” da administración única, e que se sitúa na fronteira da autodeterminación, non entende como dende Galicia as potenciais reformulacións se fagan só con respecto ao que interesa, e sempre en prexuízo da nosa condición de pobo diferenciado.
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting