Por Xesús Veiga | Compostela | 20/04/2018
Xa se coñece a primeira resolución do tribunal superior do land aléman de Schleswig-Holstein:o ex-presidente Puigdemont non poderá ser extraditado polo delito de rebelión, a mais grave das acusacións formuladas contra él no ámbito xudicial.
Esta decisión e outras que se podan adoptar nas vindeiras semanas van ter un impacto moi relevante no escenario interno -catalán e estatal- no que se está xogando o futuro da actual crise.No caso de que o ex-president Puigdemont non sexa extraditado ou tal medida só resulte operativa para algún presunto delito diferente ao de rebelíón, a estratexia do xuíz Llarena naufragará estrepitosamente e as formacións políticas que apostaron exclusivamente pola vía xudicial para xestionar este problema sufrirán un notábel contratempo.
Unha eventual desautorización dos correspondentes orgaos xudiciais deses paises á dureza exhibida pola instrución que se está practicando no TS podería ser un incentivo para comezar unha desescalada no ámbito penal e posibilitar a apertura de camiños para o diálogo político entre os partidos que conforman a Cámara lexislativa catalá.Se, pola contra, tal circunstancia fose utilizada por PP, Cidadáns e PSOE para redobrar a súa disputa polos segmentos do electorado máis proclives á belixerancia extrema contra os sectores independentistas, o presente bloqueo perduraría nun labirinto de moi difícil saída.
Hai outro aspecto da proxección internacional que merece ser destacado.Nos últimos días, tres medios de prestixio - The Times, The New York Times e Der Spiegel- editorializaron moi críticamente a respecto do tratamento do tema catalán por parte do goberno de Mariano Rajoy.Escreberon afirmacións e postularon actitudes que non aparecen nos posicionamentos habituais dos xornais que se editan en Madrid.Resulta moi rechamante o estruendoso silencio informativo que practicaron estas cabeceiras da capital do Estado:semella que prefiren que os seus leitores non coñezan opinións tan significativas en colegas que son referencias indiscutíbeis no sistema mediático europeo e nordeamericano.
Estamos ante unha asimetría moi rechamante no conflito catalán.O xuízo valorativo moi maioritario que preside a opinión publicada residenciada na xeografía estatal non se corresponde co que sucede máis alá dos Pirineos ou do Atlántico.Algúns, na soidade dos seus poderosos despachos, deberían reflexionar sobre o que está a suceder.A menos que subscreban a vella lóxica conspiranoica dos inimigos exteriores.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting