Historia de dúas administracións

Na Galicia rural, sabemos de sobra o que acontece cando cohabitan dous galos no mesmo galiñeiro. Nin lles quero contar se os Gallus gallus, son cuantitativamente máis, e cualitativamente máis poderosos.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 03/03/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 Iso é o que pasa coa lea sobre a chegada do tren de alta velocidade polos camiños de ferro da nosa terra; demasiados intereses encontrados, demasiadas desconfianzas multilaterais, e perigosas consecuencias para os intereses de Galicia.

As guerras subrepticias sobre as grandes infraestruturas galegas, non son un episodio novo na nosa terra. Xa na época na que loitabamos por ter unha conexión por autovía coa meseta, as arduas negociacións entre o goberno socialista de González e o executivo galego de Manuel Fraga, tiveron a súa migalla. Grazas a persoas comprometidas coa súa labor como o entón ministro Cosculluela, púidose chegar a un acordo que outros ministros coma Borrel, intentaron dende a óptica trabucada do interese electoral dinamitar. Non só entre socialistas e populares sucederon este tipo de enfrontamentos entre “carneiros” no cumio da montaña; a pésima relación entre o ministro popular Arias Salgado, e o Presidente Fraga –ao que acusaba de “facerlle a cama” ao seu pai durante o tardofranquismo-, demostrou que unha vez máis os atrancos maiores os podes atopar no teu propio partido.

Agora os actores deste “remake”, de libretto xa coñecido, son Alberto Núñez Feijoo, José Blanco, e Agustín Hernández. Persoas máis que capacitadas para chegar dende a racionalidade a acordos positivos para Galicia. Non teño a menos dúbida de que José Blanco, o que probablemente é o máis decisivo ministro de Fomento da Historia con respecto a Galicia, ten toda a intención de cumprir os prazos para a inversión, no tren de alta velocidade. Empeña a súa palabra e o seu cargo en elo, nunha demostración de grandeza e compromiso con Galicia. O que sería inxusto é negar a lexitimidade do goberno galego de “fiscalizar” o cumprimento deses pactos, nunha terra mal acostumada aos históricos retrasos nas súas infraestruturas, e a ter que remontar sempre con respecto á competitividade, con pobos máis desenvolvidos de España e de Europa.

O problema vén cando, o interese electoral prima sobre o interese dos galegos. Entón os irresponsables afían as dagas, e a dogmática partidista esnaquiza colaboracións e coordinacións, -máis que necesarias-, mentres asistimos nos “media” a espectáculos pouco edificantes, que provocan que queiramos mandar a algúns galos, á parte superior do poleiro…

Ou non?

Rafael Cuiña