O recente inquérito do CIS ratifica a nova estrutura do mapa eleitoral.A diferenza do que ocorreu nas últimas décadas, hai poucos vasos comunicantes entre os electorados do PP e do PSOE:as perdas que experimentan cada un deles non van reforzar ao contrincante.Nas vitorias de Aznar de 1996 e do 2000 houbo unha evidente transferencia de votantes que antes apoiaran a Felipe González.Algo semellante tivo lugar -nun sentido inverso- cando se produciu o triunfo de Rodríguez Zapatero nos anos 2004 e 2008.A propia maioría absoluta acadada por Mariano Rajoy no 2011 non se explica sen ese movemento circular.Obviamente, ambas formacións tamén perdían votos que ían cara a abstención e, no caso do Partido Socialista, cara IU.Pero había unha indiscutíbel porosidade entre segmentos dos votantes desas forzas.
O que debuxan os últimos inquéritos non encaixa nesa lóxica tradicional.A presenza e progresivo medre de Ciudadanos modifica as anteriores transferencias.O que perde o PP xa non vai, primordialmente, ao PSOE e á abstención senón ao partido de Rivera.E, ademais, a formación laranxa está captando un certo número dos votantes que abandonan a forza que actualmente lidera Pedro Sánchez. Pola outra banda do escenario, Unidos Podemos e as confluencias manteñen, con pouco desgaste, a posición obtida no 2016 e non se percibe o coñecido fenómeno do “voto útil” cara o PSOE.Para este partido, a situación é preocupante:a pesar da notábel erosión que padece o goberno de Rajoy e das manifestacións de protesta que se rexistran no tecido social, non é quen de xerar unha expectativa consistente que, ademais, capitalice a importante participación que teñen en varios gobernos autonómicos e locais.Sánchez non sabe cómo saír do estancamento:o seu pacto de goberno co C's despois das xerais de 2015 neutralizou a credibilidade das críticas posteriores que verbalizou contra Rivera e a súa retórica disposición aos acordos con UP e as confluencias non é quen de agachar a secular resistencia do seu partido a unha alianza en pé de igualdade con outras formacións ubicadas no territorio da esquerda.
O momento demoscópico doce que está vivindo Ciudadanos ten unha explicación multicausal:a corrupción estrutural que padece o PP, a polarización derivada da dinámica política catalana e a presenza destacada do factor xeracional no comportamento electoral.A imaxe de Rivera conecta con sectores de votantes do partido de Rajoy -de idades inferiores aos 55 anos- que xa non aturan o catálogo diario de escándalos e que ademais posúen unha identidade nacional española que desexan afirmar fronte á declaración unilateral de independencia que se visualizou en Catalunya.Se ademais, a historia desta forza carece de experiencias gobernamentais importantes que permitan contrastar a distancia que vai das promesas á realidade, pechase o círculo da virtuosa propaganda laranxa.
Non é doado facer previsións para os vindeiros meses. En todo caso, semella verosímil pensar que o mantemento do bloqueo político en Catalunya alimentará o potencial electoral de A. Rivera e, xa que logo, facilitará a futura conformación do que sería o primeiro goberno de coalición no ámbito estatal (neste caso protagonizado por PP e C's). Con semellante perspectiva, resultaría complicado imaxinar a continuidade de M. Rajoy na primeira liña da actividade política.
Xesús Veiga