Por Rafael Cuiña | Lalín | 10/03/2011
En política, aplicar esta máxima queda lonxe da doutrina do posibilismo, para pasar ao máis feroz pragmatismo, que afirma que o fin xustifica os medios, sexan cales sexan estes, á marxe de calquera lóxica de comportamento social, minimamente racional.
Xa falei en outra ocasión nesta columna, dun dos cancros principais da nosa democracia partidaria, como é o transfuguismo. Segundo van pasando os días, imos coñecendo a composición e estrutura, das listas electorais que os partidos políticos ofertan para representar á sociedade. Se quen propón a un grupo de persoas como representantes dunha sociedade, aspirando a reflectir o que desexa que esa sociedade chegue a ser, parte dunha posición viciada na súa orixe, por non respectar as máis elementais regras da ética dentro do xogo democrático, convirán vostedes comigo, que probablemente non estean capacitados para representarse a si mesmos.
Tanto o PPdeG como o PSOE, (que non o PSdeG), decidiron que o chamado “pacto antitransfuguismo”, deixou de teren efecto dende que os socialistas promoveron unha candidatura con tránsfugas no concello de Benidorm, situado a máis de 1000 km da nosa terra… O que é aínda máis curioso, é que o sempre criticado Partido Popular de Ourense, se comprometa a non levar a estes elementos de dubidoso calado democrático nas listas da súa provincia, -nunha demostración de seriedade e compromiso democrático-, mentres na provincia de Pontevedra, o seu xefe provincial considera que o acontecido na outra punta da pel de touro, é un cheque en branco que habilita o prendido das “caldeiras do inferno” político, no que a ética é descoñecido, e as “artes escuras” sempre vencen fronte aos demócratas timoratos.
A un que lle consta que o presidente galego do seu partido, está lonxe de sentirse cómodo coas prácticas de vicerreis perfectamente prescindibles, e que ao secretario xeral do partido político máis importante de Galicia, o que lle gustaría é que estas indecencias non pasasen nunha formación de 100.000 dignísimos militantes, no remata de entender que para recoller a colleita máis abundante e duradeira, non se utilicen abonos de calidade que garantan a conservación durante moito tempo dunha sólida marca, mentres miran para outro lado cando outros os utilizan adulterados, sendo pan para hoxe, mais fame para mañán…
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting