No fondo o futuro é como un buraco negro no cal o noso ollo non pode ver nada e nese espazo sumido na obscuridade total o máis que nos atrevemos a prognosticar ou imaxinar é unha serie de acontecementos con escasas posibilidades de acertar. Se difícil é achegarse ao que vai pasar e ao que sucederá coas nosas vidas (o máster consiste en collerlle o tranquillo), só pensar nese espazo xigantesto que é o futuro paréceme unha ousadía. É unha tarefa ou disciplina máis para a cultura anglosaxona porque manexan e traballan con variables evolutivas que na cultura do Estado español son impensables. O noso horizonte de sucesos non pode estar mais falto de luces. Nada novo baixo o sol.
Hoxe darei unha volta polo presente e o pasado para tratar de aprender dos nosos propios erros.
O de Irene e Pablo nunca mereceu ser tratado como un problema de Podemos. Ambos convertérono nun asunto colectivo da organización que representan. Agora xa non importa o resultado, o fundamental é que calquera forma de chantaxe non deixa de ser unha corrupción politica encuberta. Os erros en política non os corrixen os palmeir@s e a "nova política" ten demasiados. Quizais se deba á herdanza que recibimos. A crítica e a disidencia son unha necesidade democrática para que as organizacións non caian en personalismos. Eis outra organización que transita lentamente da ilusión á decepción. Esta é a miña perspectiva sobre a ”hipoteca da famosa casa , o novo modelo de vida e os ataques da caverna mediática”. A tendencia na que o liderado poña a organización aos seus pés non é nada novo, máis ben é historia.
Como teño algunha experiencia sobre casos de natureza similar, atrevereime a facer algún comentario-recordatorio. “Augusto Assia”, nas súas “Cartas ao Director “, fixo un dos seus maiores esforzos en combater o nacionalismo galego a través dos seus artigos, de páxina enteira, grazas á cobertura dos propietarios de “La Voz” cos que emparentara a través do seu matrimonio. Foi un intento de manipulación que obrigaba a estar dando explicacións continuas sobre aquelas “medias verdades” que o Sr. Armesto nos dedicaba con nocturnidade e aleivosía. O outro empeño foi disfrazarse de liberal na transición española para agachar o seu pasado franquista e presentarse como un defensor da democracia e dos seus valores. Os seus cambios ideolóxicos nunca obedeceron a unha evolución lóxica, mais ben deberíamos consideralo como un integrante do grupo dos “vira-chaquetas”, basándonos no refraneiro popular. Eran tempos carentes de calquera tecnoloxía coa que poder facer fronte aos seus “libelos” e a defensa daqueles ataques desorbitados dependía case en exclusividade do traballo militante xa que a dirección non dispoñía de medios para facer chegar respostas puntuais á militancia. Así, no noso día a día , a primeira tarefa era facerlle fronte a todo tipo de acusacións, inxurias ou calumnias deste “xornalista” e, cando chegabas ao traballo ou diante das túas amizades, tratabas de dar resposta a aquela falta de obxectividade e sistematización da manipulación mediática. A nosa praxe era sempre a mellor aliada e o noso principal argumento.
Na época do bipartito, o principal erro do Bloque estivo nunha pretendida “adaptación” á que se quixo someter á Organización, no período de goberno compartido, consistente en transformar o proxecto colectivo nun liderado con delegación permanente para poder resolver a tempo as necesidades que a nova situación demandaba . Nesta fase, todo quedaba supeditado ás prioridades marcadas nese goberno bipartito ou nas Consellerías con titularidade nacionalista. Iso supoñía negar acenos de identidade moi forxados en amplos debates e consensos, tanto no interno da organización como nas diferentes alternativas que o nacionalismo galego fora construíndo con moitísimo esforzo ao longo do súa andadura. Un proxecto colectivo mangoneado por un liderado que a miúdo chantaxeaba a organización, servíndose da súa xerarquía e a colaboración necesaria dos palmeir@s da quenda.
Sempre os proxectos colectivos teñen o perigo de ser reconvertidos en proxectos persoais cando os liderados afrouxan o contrapoder da organización e a vixilancia do que se está a facer.
Non é de estrañar que demasiados asuntos políticos están nun punto de non retorno. O dano está feito e difícilmente sairemos pola corredoira que a miúdo trazan os opinadores e decididores. Nin a xustiza fará milagres cando difícilmente fai xustiza en tempo e forma, nin as bases inscritas , militantes ou simpatizantes trazarán dinámicas diferentes para que as organizacións políticas corrixan os seus erros e desviacións. No fondo, podemos observar que a política de hoxe consiste en que os seus dirixentes teñan unha preocupación obsesiva máis pola forma que polo fondo dos problemas. Estamos máis perto de irnos á merda que de achegarnos a Silicon Valley.
Non falta tanto para que o lento camiñar a que nos obriga o día a día dos acontecementos, nos achegue de novo “ao medo dos abismos” e, chegados aí, ¡coidado!, con refuxiarnos no pasado. Falaba nun anterior artigo deste perigo, parafraseando a Gunter Grass. Aínda que o país estea podre e caia a pedazos, malia todo, non cometamos o erro de deixarnos conducir a un pasado mitificado de heroes e tumbas.
Son dos que cren que hai unha vella veta autoritaria na cultura política do estado español tendo saudade da chegada dun “ liderado forte”, e cando as cousas están como están, é un vello recurso que contará con bastantes apoios. Bágoas e sangue esperan os pobos unha vez tomadas esas derivas.
Non nos enganemos, a dereita política española bebeu a súa ideoloxía no franquismo e logo foise adaptando ou transformando a remolque das esixencias da realidade. Nada é imposible.
Dificilmente os atallos servirán para chegar a onde se dí que se quere chegar, incluída a moción de censura das derradeiras horas que só se alimenta na perspectiva electoral e non ofrece ningunha posibilidade de cambio real. No sei como sairá “o retrato” logo da votación do vindeiro venrres pero seguramente con moita leria.
Fermín Paz