Por Xesús Veiga | Santiago | 19/03/2011
Nin MAFO, nin Elena Salgado, nin Rajoy poden con esas empresas privadas que deciden, indirectamente, o prezo do diñeiro que manexan as Administracións públicas.Hai que cambiar de táctica.Sigamos o exemplo publicitario e mandemos á experta detective Chelo Holmes para que lles pregunte:”e logo vós, de quen vides sendo”?.
O inevitábel desconcerto dos interlocutores poderá ser aproveitado para que Núñez Feijoo realice a penúltima manobra na escuridade e poda defender, sen complexos, a tese que se está incubando nos laboratorios de San Caetano:a culpa de todo o que lle pasa a Novacaixagalicia está no bipartito.Touriño e Quintana cometeron un crime de lesa patria nos seus tres anos e medio de mandato.Fraga foi inocente porque estivo tan atarefado nos 16 anos de xefatura que non tivo tempo para vixiar o que facían Méndez e Gayoso.Conclusión:o concepto de patriotismo debe ser depurado de perigosas contaminacións partidistas.
Aínda que non o souberan, patriotas eran os directivos das Caixas que quixeron colocar ás entidades galegas na primeira liña das praias levantinas ou no núcleo duro de certas aventuras urbanísticas.E aínda que o negaran con teimosía digna de mellor causa, tamén eran patriotas os gobernantes da Xunta daqueles felices noventa cando exercían a función de tutela financeira mediante unha máxima contundente:ti vai facendo.
Non.Non tiña razón o coronel Dax no filme de Kubrick -“Sendeiros de groria”- cando dicía que a patria é o último refuxio dos canallas.Deixemos que os historiadores escreban o nacemento, vida e morte das Caixas de Aforro galegas.Pero mentres agardamos por esas análises do tempo pasado busquemos con urxencia un novo Valle Inclán que traslade á ficción literaria este singular esperpento.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting