Goberno de bo cartel para os medios de comunicación e para o “progresismo de diferente pelaxe” aínda que tod@s sexan sabedores de que as decisións, na maioría de ocasións, terán que apoiarse no Decreto-lei para as poder facer viables. As miña suxestión o Presidente Sánchez serían dúas: a primeira sería nomear ao Sr. Monedero como asesor- coordinador dos ministerios coa virtualidade engadida de non deixar sen representación “a esquerda d@s de abaixo”, e a segunda propoñer ao Sr.Zapatero como mediador plenipotenciario diante do gobernó d@s Cataláns co proxecto federal do PSOE para o Estado Español e así tamén podemos saber cal é o seu contido.
A entrada lexítima pola porta de atrás ao goberno do Estado aclara definitivamente a pretensión dunha reordenación dos espazos políticos, tan distorsionados a xuízo dos dous grandes partidos do sistema (PSOE e PP), logo da chegada de Cidadáns e Podemos que tentarán permanecer un bo tempo na representación parlamentar. Polo que escoito falar rematou a etapa do “utilarismo”. A Raxoi xa o chimparon, agora chegan as queixas e os intentos de negociar pero xa sabemos quen quitou tallada e quen terá que seguir a espera de mellores tempos.
Non é crible o discurso do Presidente do goberno español cando establece unhas bases programáticas asentadas no escoitar, falar, e na procura de consenso, porque nese choio no que están non se pode esquecer intencionadamente o uso da forza e da presión si os demais contendentes “non entran polo aro”. Ambos procedementos, aínda que contraditorios, son parte do ser e do estar na política e miraremos como a actividade gobernativa deixará ver claramente estas dúas caras.
En moi pouco tempo a leria parlamentaria e mediática farase presente de novo na disputa espacial da representación, aínda que de diferente xeito que até agora. A dinámica vai ser máis aberta e complexa. De novo, unha loita pola hexemonía na esquerda e na dereita. Nunha perspectiva de eleccións, o voto é o expoñente máximo para centrarse exclusivamente no seu reclamo. Os caladoiros electorais están abertos ás expectativas que xeren os movementos de cada un dos contendentes e o PSOE así o entendeu, moi convencido que pode ser o máis favorecido. Seguramente aspira a pescar onde antes o fixeron Cidadáns, Podemos, os nacionalistas de diferente orientación e algunha dereita desencantada.
Creo que esta é a intención finalista e o motivo da operación comandada por Sánchez xa que os espazos ideolóxicos da sociedade non son compartimentos pechados senón que son caladoiros onde o voto ten moita “volatilidade” e non se axusta a espazos exclusivos tanto para a denominación de esquerda como para a dereita (algunh@s analistas resolveron este comportamento creando un centro político que tanto se move cara a esquerda ou a dereita). E tamén está comprobado empiricamente que unha recuperación electoral no PSOE terá consecuencias nos apoios ao nacionalismo galego. Así son os comportamentos electorais na raia dos espazos políticos e son debidos tamén á confusión interesada de moitas organizacións políticas na definición das contradicións sobre as que deberan orientar a súa acción política.
Finalmente, tamén estou convencido de que as principais tarefas do PP serán “pechar a ferida” da perda do goberno, refacer o seu liderado e dimensionar correctamente as oportunidades que lle vai proporcionar o campo de conflitos na pelexa pola re asignación dos espazos políticos. Debe interpretar ben o que sucedeu e os seus porqués, non tanto mirando ou temendo a un “aznarismo” que xa está amortizado electoralmente, senón clarificando a quen se quere representar, como se quere facer e con quen.
Non estamos diante dun novo tempo político. É un tempo político diferente cun PSOE que colleu a dianteira e que ten nas súas mans a chave da convocatoria das eleccións. O demais pode interpretarse a conveniencia de parte mesmo que Sánchez non tiña preparadas ningunha das súas accións. Cando menos debo reconocerlle a súa espontaneidade.
Fermín Paz