Con todo, as cousas non van suceder como estaban previstas, seguramente, na cabeza do inquilino de Montepío.A secuencia agardada era a seguinte:aprobados os orzamentos do ano 2018, o goberno de Rajoy continuaría ate o remate de 2019 -ou comezo de 2020- e, nese momento, habería un relevo organizado que colocaría a Feijoo como candidato no cartel electoral do seu partido.Unha transición organizada dende o poder.Finalmente, a folla de ruta vai ser diferente:antes de que remate o mes de xullo terá lugar un Congreso extraordinario do PP para elexir á nova equipa dirixente e, xa que logo, o actual presidente da Xunta deberá conseguir, con urxencia, os apoios necesarios para acadar o obxectivo desexado.E facer todo iso nun contexto presidido polo abandono obrigado dos despachos oficiais en Madrid.
As incógnitas están servidas.Utilizará Rajoy a súa capacidade de influencia para que exista unha única candidatura ou deixará que se rexistre unha competición entre diversas alternativas?A resolución desta dúbida será moi relevante para o futuro da opción Feijoo.Se comparecen na disputa persoas como Ana Pastor ou Iñigo de la Serna, a incertidume do resultado final será moito maior que a provocada pola eventual presenza de Cospedal e Saenz de Santamaría e obrigará a unha maior asunción de riscos por parte do dirixente galego.
Afeito a ver pasar trens polo seu lugar de nacemento, Alberto Núñez deberá decidir nos vindeiros días se colle o derradeiro comboio da súa vida política.Se o fai e consegue chegar á estación da rúa Génova aínda lle quedará unha travesía non menos complicada:gañar o suficiente nivel de confianza entre un electorado que vai ter outras referencias moi potentes nos espazos políticos e sociais mais próximos (Albert Rivera e Pedro Sánchez).A Moncloa fica mais lonxe do que parece.E Feijoo non vai ter o nivel de benevolencia mediática que coñeceu dende que retornou -no ano 2003- á primeira liña da política galega.
En calquera caso, sexa cal sexa a opción adoptada, resulta lóxico pensar que o PPdG deberá cambiar de candidato para as vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo.E iso constitúe unha variábel moi significativa que pode modificar a relación de forzas que coñecemos dende hai tanto tempo no noso País.
Xesús Veiga