Por Rafael Cuiña | Lalín | 22/03/2011
A fidelidade a unha organización política na que militas, debe partir de dúas premisas fundamentais, como son a sinceridade na opinión xunto coa crítica construtiva, e o interese do conxunto do colectivo por riba do persoal. Digo todo isto, porque segundo se achegan a eleccións municipais, xorden grupúsculos escindidos dun tronco común, dispostos a infectar as ramas sas e fortes, por non ter un regadío axeitado, en forma de poltrona política que calme ambicións non tan lexítimas, por riba xeralmente das propias capacidades.
Os partidos independentes alporizan aos líderes, porque alteran unha normalidade na que están cómodos, e en ocasións coa garda baixa. O Partido Popular de Galicia, precisamente pola súa transversalidade, sufre especialmente estas situacións. Un partido tan grande, cuantitativa e cualitativamente, pode ver mermadas as súa posibilidades, polo egoísmo do personalismo con transfondo necio e economicamente calculador. Irredentos pseudolíderes sen ideoloxía concreta, ao servizo de intereses que van máis alá da lexítima aspiración democrática. Probablemente Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, sexan conscientes que esta situación non pode alterar a folla de ruta establecida para o obxectivo final, que non pode ser outro que a recuperación nas urnas das Deputacións de Lugo e A Coruña, e o maior número posible das grandes cidades galegas. A condena que ata aos populares á necesidade dunha maioría absoluta para gobernar, pon contra o mastro as súa insuficiente condición en xeral, de listas máis votadas. No partido da gaivota, o marcaba a diferenza nas súas antigas maiorías absolutas, era un voto socioloxicamente de centro galeguista, cómodo ante políticas que priorizaban os intereses desta terra. Pode existir unha certa percepción no votante medio, sobre a existencia de factores que distorsionan esa antiga realidade, e que poden determinar o sentido dun voto, que anteriormente non tiña dúbidas á hora de depositarse na urna.
Os partidos deben ser entes vivos, en constante evolución, nos que os seus militantes poidan acceder a un debate que os faga máis fortes, e consoliden o discurso a ofrecer á sociedade. A obsesión dos que conciben a política só en primeira persoa, é prexudicial para eles, mais tamén o é o conformismo e a submisión ao líder do momento, con tal de alcanzar ese “nirvana”, que os afaste da irrelevancia social a calquera precio. Un dirixente intelixente sempre debera estar máis preocupado cos que incondicionalmente din “amén” á súa xestión, que dos que dende a fidelidade expoñen os seus pecados, por moi veniais que estes sexan…
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting