Calquera contenda política gañará intensidade e profundidade se Monedero participa dela, cos seus aportes e suxestións. Os seus argumentos son o de menos, o que interesa é a súa pillería ( lémbrame o Lazarillo de Tormes acoitelando no queixo de Castilla que o cego sente como seu) , a súa perspectiva estratéxica e sobre todo o seu magnetismo. Aparenta estar sempre volta en calquera das temáticas a debate porque ten remedios para calquera dos problemas.. É como un feiticeiro dunha película mala do oeste americano que pon cara de libro aberto cando lle consultan sobre as circunstancias da vida ou da alma e ao segundo seguinte pon a súa mirada en modo chinés (algo parecido á do “chino Manolo” na Coruña), antes de nos agasallar con calquera fórmula maxistral das súas.
Está no camiño de converterse nun clásico da ciencia política e autor de referencia para unha esquerda sen luces de posición. Veñen tempos en que terá que exprimirse mais que co PP, obrigado pola necesidade de alumear un espazo propio e a vez en confronto coa socialdemocracia nas oscuridades das novas disputas eleitorales. Quen dixo medo?. Monedero sempre adiante e sen tusir.
En calquera foro da intelectualidade é convidado para explicar o porqué da contradición permanente na que está instalado o ser humano e a necesidade que ten de saír dese circulo vicioso no que está collido para volver a situarse nunha certa coherencia esixida pola contraposición dos “novos” contrarios no eixo abaixo-enrriba. A súa teses é sinxela : as xentes que queiran esquencer a vella e decadente política terán que valeirar na papeleira de reciclaxe o seu pensamento filosofico-etico-orgaizativo. Logo deste desafiuzamento obrigatorio das ideas-forza as novas quedarán reflectidas na seguinte sintese, si non se pode, teremos que seguir mallando.
Non atoparedes nada mellor na dialéctica política de hoxe. Sempre consegue que debuxemos un sorriso cando lle preguntan por algunha cuestión “enferruxada”. Lembrade , o razoamento que fixo para xustificar a merca do novo "palafito" por Montero and Iglesias. Ben puidese ser que ás veces a súa pretensión non sexa outra que converterse na voz ilustrada da xente mundana para socializar o cachondeo entre @s de abaixo e @s de arriba. Algo semellante ao confronto entre deterxentes na públicidade sen enganos do “Fairy”, que deixa niquelada toda vaixela mentres @s da outra equipa quedan reventad@s e deixando o choio a medio facer. Ao final, festa rachada e colorin colorado.
Admiro a personalidade deste Sr, aínda que ás veces algúns analistas e opinadores o infravaloren . Descoñecen tamén o seu potencial monologuistas e comediantes. As súas intervencións son como o canto dun xílgaro desafinado que antes de quedar calado prefire seguir “dando o cante”. Non dubidará en ofrecerse como primeiro voluntario para segar a herba no cómbaro de Galapagar cunha “Bertolini " se as bases o aproban en referéndum no caso de que a operación inmobiliaria volte ao candeleiro.
Aos poucos foise facendo un oco e agora brilla con luz propia. Xa non depende de ninguén, nin tan sequera de Podemos. Non sería estrano que a moda española fixese do seu chaleco unha referencia modernista do vestir e que aparecera nas campañas das excelencias de Zara, Amazon ou El Corte Inglés (xa que non houbo primavera agora que chega o verán, terán que facer algo anovador).
É indiscutible que estamos diante dun “crack” na linguaxe tabernaria. Logo de quedarse sen responsabilidades coñecidas na súa organización política agora exerce de comodín e tanto utiliza a súa autoridade moral constitúente de Podemos, como vixía calquera desviación da liña e avisa cando considera que esta empeza a curvarse. Quizais por iso apareza en todos os "fregados" e seguramente non o fai por figurar senón polas responsabilidades que se autoimpuxo no proxecto colectivo.
Preguntome cal será o lema que vai proponer para empregar contra Sánchez por deixalo fora do Consello de Minist@s? Algo inventará.
Pode que vaia sendo hora de voltar a preguntarse de novo, o que facer? Neste tempo que ven de confrontos obrigados na chamada esquerda, Monedero só ou con outr@s, van ter que poñer luces de situación en Podemos + Aliad@s para non quedar esfarelados . Terán que precisar as súas dimensións para que os demais vexamos cal é a fondura e as lateralidades da súa acción política. Os rebumbios teóricos despexarán coa recomposición dos espazos políticos.
Fermín Paz