A traxedia grega na política

Tiña unha sa curiosidade, por ver as reaccións dende distintos sectores, ante o anuncio do presidente Zapatero, de non concorrer ás eleccións lexislativas do Estado.

Por Rafael Cuiña | | 08/04/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 A curiosidade daquel ao que gusta de observar as miserias humanas, para saber en que momento do xogo, está a partida de xadrez na que se converteu a política no Estado.

Xa algunha vez contei nesta columna, o mimetismo entre o cadro de Goya “Saturno devorando a un fillo”, e o comportamento da caste política. Pasou en Galicia co presidente Touriño, cando os mesmos que lle daban palmadiñas no lombo o mesmo día das eleccións autonómicas, pedíanlle a súa acta de deputado poucos días despois de perdelas, ou mesmo no Partido Popular, cando unha vez que os deuses da política deixaron de sorrirlle, máis dun compañeiro daba as costas na cafetería do Parlamento ao finado Xosé Cuiña. Así é a política, destrutiva, cospiratoria, e fundamentalmente desleal. A Zapatero os mesmos que o consideraban unxido, agora o consideran amortizado; aqueles que daban cos cóbados para saír na foto do líder elixido para guiar os destinos da patria, o consideran nos “off the records” un paria que prexudica a imaxe e as posibilidades dunha organización política centenaria, que a pesares de estar nun dos seus peores momentos da súa Historia, representa o sentir político de moita xente de esquerdas, decepcionada cunha xestión nominalmente de esquerdas, subxugada aos desexos da “dama de ferro” xermana e os mercados especuladores.

Non me doen prendas en recoñecer, a súa condición de político avanzado ao seu tempo nas políticas sociais, e non vou reincidir na evidente mala xestión, -previa negación-, da crise máis fonda da nosa Historia contemporánea. Mais agora chegou un tempo de cambio, no que outras xentes manexarán o temón da súa organización, na que co tempo sufriran embates similares de “compañeiros-camaradas”, que sorrirán mentres nas súas escuras almas, preparan a inmunda estratexia de esnaquizar ao “macho alfa”, nunha repetición da traxedia grega que é a política. A intrahistoria do futuro do presidente Zapatero, podería ser coma un fado, no que a súa letra suxerise algo así como:
Ora eis que embora outro dia
Quando o vento nem bulia
E o céu o mar prolongava
À proa de outro veleiro
Velava outro marinheiro
Que estando triste cantava
Como de xeito tan fermoso, cantaba a nosa irmá do outro lado da raia, Duce Pontes.
 
Ou non?
 

Rafael Cuiña