Por Xesús Veiga | Santigo | 18/04/2011
Semella que Aznar creou escola alén da política.A empresa Telefónica ven de anunciar a intención de reducir nun 20% o volume de persoal que emprega no Estado español despois de ter anunciado a obtención dunha espectacular –e inédita- cifra de beneficios no ano pasado:10.167 millóns de euros.Actuando “sen complexos” a dirección da compañía comunicou, poucas horas despois, o seu plan de incentivos adicionais para 1.900 directivos por un importe de 426 millóns de euros.Ou sexa:hai que diminuír o gasto en persoal porque os clientes tiveron a mala idea de adquirir produtos da competencia pero é pertinente premiar aos executivos da empresa para que sega florecendo a conta de resultados.
Consulten a páxina web de Telefónica e atoparán unha compacta peza retórica no apartado dedicado á Responsabilidade Social Corporativa.Magoa que non lles serva para explicar esta obscena combinación de riqueza e desemprego.
Cando a crise comezou a formar parte da paisaxe social europea, Sarkozy tamén inventou unha frase que fixo certa fortuna:era necesario refundar o capitalismo.Foi o remedio verbal de urxencia ante o previsíbel medre dunhas desigualdades sociais que nunca deixaran de existir no seo deste sistema económico a pesar da súa demostrada capacidade de adaptación aos cambios rexistrados nas relacións internacionais e sociais.O caso Telefónica demostra que a reforma invocada polo presidente francés ficou perdida nalgún paraíso fiscal e que o “capitalismo de rostro humano” segue estando pendente nas axendas de gobernos e organismos internacionais.
A multimillonaria empresa española pretende pactar cos sindicatos as baixas laborais anunciadas mediante a utilización dun ERE.Esta pode ser unha boa ocasión para probar a coherencia dos dirixentes sindicais e o nivel de complicidade solidaria dos potenciais traballadores beneficiados coas eventuais ofertas xenerosas para incentivar a aceptación do finiquito.
Tamén é unha oportunidade para que os dirixentes políticos con responsabilidades gobernamentais demostren aos seus votantes que son capaces de utilizar a forza que posúen contra os mais poderosos.De cómo usan o poder fronte aos mais débiles xa temos constancia suficiente.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting