Autoenganos demoscópicos

Nun mundo ideoloxicamente crepuscular, no que as quenllas capitalistas recorren ao “papá Estado” para salvarse da crise, e a esquerda “nominal” ten querenza polas privatizacións de servizos públicos como portos e aeroportos, a caste política vive nun senvivir, pendente de enquisas mellor ou peor cociñadas, que alumeen ansias á marxe do autoengano demoscópico.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 26/04/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Como nun conto de terror de Allan Poe, os medios de comunicación reflicten realidades ficticias nas que a socioloxía, e a lóxica demoscópica, son maleables en función do interese particular e político do momento. O mesmo día pode saír unha enquisa nun medio afín á dereita, na que a retirada anunciada polo actual xefe de goberno, permite recortar á metade a distancia que os socialistas teñen co partido Popular, mentres nun medio ideoloxicamente de esquerdas, esta queda ampliada ata os 12 puntos porcentuais. O mundo ao revés…

Non vou a caer no tópico político que afirma que a verdadeira enquisa é o día das eleccións, porque é un axioma de abraiante simpleza, mais no que si concordo, é que tanto na “cociña” de Ferraz, como na de Arriola, os ingredientes para facer o caldo final, son moi similares, e a calidade do prato final moi semellante. Unha realidade política na que un candidato como Rubalcaba, que avalía sen dúbida as políticas de Zapatero durante as dúas últimas lexislaturas, poida ter mellor resultado que o actual Presidente, sería un contrasenso absoluto. Rubalcaba e Zapatero, son corresponsables da nefasta xestión da crise do gabinete socialista, mais tamén dos seus acertos en políticas sociais e na loita contra o terrorismo. Xuntos decidiron negar a crise, xuntos falaron de desaceleración, e xuntos levaron ao noso país a unha insostible situación no limiar dos cinco millóns de parados, como reflicte outro tipo de enquisa, a de poboación activa…

O problema non é o cambio de rostros, o problema é a ausencia de cambio de políticas. O Partido Popular co vento a favor para chegar á Moncloa, ten que ser consciente que o que demandan os españois é outro rumbo, non só o cambio de mariñeiros. Un proxecto sólido e transparente, no que a sociedade poida pór as súas ilusións, quebradas ante calquera cola do paro de calquera recanto do Estado. Se o proxecto ten as características de solvencia, transparencia e xera a ilusión no electorado, o presumible é que ao equipo de Mariano Rajoy tenlle que dar exactamente igual que sexa o seu rival na carreira cara a Moncloa. Aínda que este pequeno relato de terror, estou seguro que o contaría moito mellor Poe…

Ou non?

Rafael Cuiña