Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 30/08/2018
Resulta obsceno o espectáculo de atribución mutua de culpabilidades protagonizado por dous políticos (Enrique López Veiga e Abel Caballero) que teñen en común a pertenza a partidos que gobernan con maioría absoluta nas súas respectivas administracións (Xunta e Concello).Esta circunstancia, no canto de ser unha oportunidade para facer unha demostración pedagóxica da ética e do talante que deben exercer os cargos públicos ante sucesos de semellante gravidade, actúa como incentivo de impunidade ante as demandas de transparencia que se formulan dende o corpo social.Neste caso, ademais, concorren dous antecedentes relevantes:López Veiga foi conselleiro de Pesca cando tivo lugar a catástrofe do Prestige e Caballero ocupou, hai algúns anos, o mesmo posto que agora desempeña o membro do PP vigués.Xa que logo, ambos políticos tiveron experiencias adicionais que non lle permiten, agora, alegar ignorancia ante este tipo de sucesos.
A traxedia do Alvia en Angrois, os incendios forestais do outono pasado ou este accidente do “Marisquiño” constitúen exemplos ilustrativos da cultura política dominante nos partidos tradicionais (PP e PSOE).Cando suceden feitos coma eses, a reacción é sempre a mesma:transladar a resolución dos problemas ao ámbito xudicial e rexeitar todo o que signifique recoñecer erros na xestión dos recursos públicos.En todos eses casos non se conxugou o verbo dimitir.Ninguén abandonou o seu cargo na estrutura da Xunta, no concello de Vigo ou na dirección das empresas públicas de transporte.
A poucos kilómetros do territorio galego, no ano 2001, dimitía o ministro portugués de Obras Públicas polo derrubamento dunha ponte -como agora en Xénova- coa terríbel consecuencia de varias persoas mortas.O ano pasado, outra ministra -a de Administración Interna- abandonaba o goberno do pais viciño por mor dos gravísimos incendios forestais rexistrados no verán.
As maiorías absolutas non poden ser cheques en branco para avalar comportamentos prepotentes e prácticas de populismo caudillista.Cando se reivindica a rexeneración da vida política estase apelando á necesidade dunhas prácticas moi diferentes ás que hoxe están protagonizando estes dirixentes políticos.
Xesús Veiga
Feridos no accidente do Marisquiño / Miguel Núñez
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting