Por Xesús Veiga | Santiago | 08/05/2011
Mais alá dos recursos verbais interesados, a única vítima realmente existente no escenario galego é Xaquín García, actual alcalde de Arzúa e candidato –finalmente frustrado- do BNG á cita do 22 de Maio.
O Tribunal Constitucional non considerou procedente admitir a trámite o recurso de amparo contra unha decisión kafkiana da Xunta Electoral de Santiago que aplicou, neste caso, a nova regulación aprobada recentemente no Congreso para “evitar que formacións políticas ilegais ou quen xustifican e apoian a violencia terrorista podan utilizar novas vías para, fraudulentamente, concorrer a futuros procesos electorais e obter representacións institucional”. Nese limbo surrealista no que se moveu a Xunta Electoral, o candidato do BNG foi declarado inelixíbel porque seica forma parte do seguinte catálogo casuístico:”os condenados por sentencia, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado”. Ou sexa: ou ben Xaquín García é un perigoso cómplice dos terroristas que pretende manter o apoio da maioría dos votantes de Arzúa ou ben forma parte dunha organización que “xustifica e apoia” a violencia terrorista.
Os dirixentes do PPdG saben perfectamente que a lei invocada para solicitar a inelixibilidade do candidato do BNG non encaixa coa situación procesal na que se atopa o actual alcalde de Arzúa.Decidiron utilizar, premeditada e perversamente, unha norma pensada para impedir a presenza da esquerda abertzale. O fin xustifica o medio. Botar fora da carreira electoral a Xaquín García e agachar as vergonzas dos tránsfugas e dos alcaldes de Fisterra e Mazaricos resulta mais valioso que respectar o espírito dunha norma aprobada polos partidos maioritarios no máximo órgano lexislativo estatal.
Despois da importante e acertada sentenza do Tribunal Constitucional revocando a decisión do Supremo a respeito das candidaturas de Bildu resulta mais paradoxal, se cabe, a eliminación do dereito ao sufraxio pasivo para Xaquín García. Unha vítima buscada polo PP para vingar a denuncia pública formulada contra o seu candidato de Arzúa pola presunta chantaxe realizada dende o seu posto de director da radio municipal.
Cando unha lei pode ser utilizada para cometer un despropósito antidemocrático coma este, a súa inmediata modificación debería figurar na axenda das forzas políticas que propiciaron a súa existencia.A democracia é indivisíbel.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting