Dez anos despois daquela treboada financeira constatanse diversos síntomas demostrativos da persistencia de fondos desequilibrios económicos e non se perceben elementos sólidos que permitan pensar na superación inmediata das dinámicas dominantes nos planos político e social.Despois daquela proclama “epatante” de Sarkozy -”hai que refundar o capitalismo”- sucederonse diversos acontecementos que certificaron a vixencia de dúas realidades relevantes:a continuidade dunhas prácticas especulativas no cerne do sistema capitalista e a subordinación ou complicidade dos principais poderes políticos do mundo occidental cos grupos financeiros que provocaron a crise xurdida nos Estados Unidos.
Para explicar o que pasou nestes últimos anos existiu unha ampla coincidencia entre a maioría dos economistas á hora de sinalar os principais vectores do proceso vivido:
a)Políticas de préstamos demasiado permisivas por parte de certas entidades financeiras e presenza de produtos financeiros cada vez mais complexos e descontrolados.
b)Insuficiente e inadecuada regulación das actividades do sector financeiro e deficiente actuación das autoridades políticas encargadas de exercer o control das mesmas.
c)Falta de información fiábel sobre os activos e as transaccións das institucións financeiras.
d)Ruptura da confianza entre os bancos e aparición dunha grave crise de liquidez:os propios bancos non obtiveron recursos nos mercados financeiros e solicitaron axudas aos gobernos para non desaparecer.
e)Translación da crise ao conxunto da economía:os bancos reduciron e/ou encareceron os préstamos ás empresas e aos consumidores coa conseguinte diminución da actividade económica e o medre do desemprego.
Os impactos concretos da crise nos distintos territorios tiveron, loxicamente, unha relación directa coas propias características de cada economía.No caso do Estado español, o peso excesivo do sector da construción e a importante dimensión do turismo provocaron efectos moi negativos no conxunto da dinámica económica.O forte endebedamento das familias e das empresas acumulado durante os anos da expansión –e mais importante, en termos relativos, que o contraído polas Administracións Públicas- constituíu unha debilidade estrutural que penalizou seriamente calquera proceso de saída da crise a curto prazo.
As coincidencias na descrición do sucedido desapareceron no momento de formular criterios e propostas para saír da crise.Houbo dous grandes ámbitos nos que se concentrou a diverxencia.En primeiro lugar o relativo ás relacións que deben existir entre os chamados mercados financeiros e os gobernos xurdidos da vontade popular expresada mediante sufraxio universal.Para os grandes partidos actuantes en Europa e para aquelas persoas que crean a opinión hexemónica nos medios de comunicación de masas, os “mercados” son considerados como as novas divinidades laicas que deben establecer as regras do xogo e os gobernos deben adaptar as súas medidas ás decisións previas deses poderes económicos.”A reacción dos mercados”:velaquí a frase mais repetida nestes anos e a proba do nove desa grave adulteración das lóxicas democráticas.Gobernan a economía –e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas- grupos que non se presentan ás eleccións mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais.
Outro campo para o desacordo localizouse na distribución dos elevados custes provocados pola crise financeira de hai unha década.Reapareceu, neste caso, o vello enfrontamento entre quen reclamaban unha asunción das cargas por parte daqueles sectores económicos causantes da desfeita e posuidores dunha elevada riqueza acumulada e os que postulaban que a factura fose asumida polas maiorías sociais mediante unha redución substantiva do seu nivel de vida.
A pesar dalgúns matices diferenciais, os gobernos dos Estados da UE –primordialmente os que integran o núcleo de maior poder relativo nesta arquitectura institucional- están promovendo políticas de redución das prestacións historicamente asociadas ao chamado “Estado do benestar”.Polo que estamos vendo, a dereita europea segue gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respeito da resposta á crise económica que padecemos.
Xesús Veiga