Un debate errado

Probablemente cando un vai a un debate sobre política xeral no que se disecciona o estado real do noso país, as expectativas son altas, e a decepción final proporcional ao que agardabas.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 11/10/2018

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Se na tribuna do Parlamento é máis importante o ego do Presidente, que os problemas dos administrados, ese circo de tres pistas no que as bestas so responden ao látigo, non é máis que o escenario dun fracaso colectivo do que todo somos culpables. O Presidente da Xunta debuxa un país, over the rainbow, no que as galegas e os galegos estamos nun período histórico de bonanza, no que os servizos públicos, son máis públicos ca nunca, a Dependencia un mal xa do pasado, e o desemprego unha patoloxía propia dos que non queren traballar.
 
Esquece o Presidente, instalado na atalaia de Monte Pío, que neste país no que pasamos da tristura da crise, á falsa euforia da recuperación impostada, que aqueles que pagaron a crise a pesares de non provocala, seguen dependendo vitalmente aínda dos desalmados que a causaron. Eis o problema real... os sectores financeiros, e os prebostes en despachos enmoquetados, campan as súas anchas nunha terra acostumada dende tempos inmemoriais a calar e ser submisa con algúns poderosos. Algúns rebelámonos ante esta situación, e dicimos alto e claro que a sanidade en este país é impropia dunha sociedade avanzada, que a política industrial é deficitaria, que os oradores nin lembraron os enormes problemas do sector  do leite, e que os mozos e mozas que emigraron, non teñen motivos laborais para regresar.
 
Fronte a un Feijoo que cre non ter adversarios, a solidez argumentar de Leiceaga, o exceso na linguaxe de Villares -aínda que cantase as verdades do barqueiro-, e a brillantez dunha Ana Pontón que emerxe como unha alternativa sólida de futuro para este país, se algúns “pais da patria” non se lles dá por poñer atrancos. O discurso de Feijoo o día da chegada dese símbolo deste país como é “a derradeira lección do mestre”, demostra que en estes momentos o partido que goberna Galicia, cre estar por riba do ben e do mal, e que calquera barbaridade dialéctica pasa rapidamente a formar parte do limbo dos xustos, onde se acumulan xa demasiadas falsidades sobre o que acontece en este país, que nunca acabarán nin no paraíso do necesariamente superable, nin no averno, -probablemente moito máis entretido-, que é recoñecer a propia mediocridade. 
 

Rafael Cuiña



Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía. XUNTA

Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.