Por Rafael Cuiña | Santiago | 23/05/2011
Os resultados electorais da noite do pasado domingo, debullan un interesante panorama galego, no que a preponderancia da cor azul popular, nunha reveladora cantidade de concellos, non é nin máis nin menos que o reflexo da situación do país. O Partido Popular de Galicia acada un éxito municipal con poucos matices, e a oposición, unha derrota sen paliativos a xestionar coa intelixencia que faltou até o de agora.
Os “populares” deberan ter claro, para non caer no autoengano, que a súa valorada xestión, engadido á apocalipse da situación organizativa actual de socialistas e BNG, suman un coctel de agradable sabor, mais un tanto astrinxente ao final. O espectacular resultado na provincia de A Coruña, a pesares da relativa picada na de Pontevedra, reforza as políticas do núcleo do partido no norte, onde Rey, Negreira e Conde Roa, tiveron un histórico resultado. Un, a pesares de diverxer en cuestións fundamentais co alcalde in pectore compostelán, alédase especialmente de que teña superado unha campaña, na que as difamacións sobre a súa vida privada, foron tan inxustas como constantes. En Ourense o Partido Popular ten un problema de difícil solución, mentres a humildade non sexa máis importante, que o exacerbado “cainismo” político primario. Baltar debe mudar esa pseudo política, ás veces, do “todo vale”.
No comité de dirección do Partido Popular, hai dous bandos en canto á consideración de Pachi Vázquez como líder socialista. Os primeiros pensan que hai que “coidalo” para que sega moitos anos, ao non consideralo unha alternativa real; e os segundos, que non o deben deixar politicamente “respirar”. Os resultados do domingo, danlle sen dúbida a razón aos primeiros… O déficit de liderado e proxecto é tan alarmante, que o bosque que non o deixa ver, debe ser de folla perenne. A Deputación de Lugo, e o Concello de Vigo, cun irresponsable alcalde que vai por libre, é moi pouco nun “haber”, ao que non se lle pode engadir o resultado de Ourense, polas súas especiais características.
E o BNG?... pois nin está, e en xeral non se lle espera. Os mesmos que acabaron co proxecto aperturista de Quintana, deberan dar explicacións. O problema vén cando o que vale para uns, non se lle aplica aos outros, porque o ego está por riba, do ben da túa organización. E por que non un “advimento” de Martiño Noriega? Eles dirán…
Un político intelixente, tería moi en conta a cantidade de sufraxios nulos e votos en branco. É unha clara mensaxe. Tan clara, como a que lle mandou o conxunto do Estado ao goberno socialista de Rubalcaba-Zapatero. Pero estes aínda non a entenderon, porque do contrario, convocarían con efecto inmediato eleccións xerais.
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting