Por Xesús Veiga | Santiago | 30/05/2011
O PPdG foi o indiscutíbel gañador mais non conseguiu aproveitar a onda xeral favorábel en cidades como Vigo, Pontevedra e Ourense, onde tivo que asumir fracasos significativos (ademais do rexistrado na Deputación de Lugo).
O PSdG non caeu tanto como no resto do Estado grazas ás dinámicas locais xeradas en Vigo e Ourense e á relativa fortaleza da súa presenza institucional na provincia de Lugo.Fora desas excepcións a regra do desgaste funcionou con notábel homoxeneidade e con especial virulencia na provincia coruñesa.
O BNG resistiu moi ben na cidade de Pontevedra e nalgunhas vilas de tamaño medio pero non foi quen de aproveitar a oportunidade que lle ofrecía a perda de credibilidade do Partido Socialista como consecuencia das políticas desmanteladoras dunha parte do Estado de benestar.
A dixestión dos resultados electorais vai colocar ás tres organizacións políticas diante de retos diferentes e complicados.O partido que dirixe Feijoo ten que pasar das musas ao teatro e demostrar se é capaz de utilizar o amplo poder municipal conquistado para resolver, sequera parcialmente, algúns dos graves problemas que padece a maioría da sociedade galega.O Partido Socialista terá que abandonar a tentación de buscar refuxio nos éxitos electorais de certas localidades e acometer unha vella asignatura pendente:definir unha nova identidade como organización galega e mudar o modelo de relación co nacionalismo.Para o BNG a encrucillada é particularmente decisiva:ten que adoptar os cambios programáticos, organizativos e persoais necesarios para rachar a tendencia descendente e sintonizar con ese universo de persoas que agora, ou no pasado recente, retiraron o apoio á organización frontista.
Xustamente, cando o cando movemento 15-M estaba interpelando ao conxunto da sociedade e á propia elite política sobre a necesaria rexeneración democrática que posibilite unha maior calidade do sistema de representación nas institucións, as eleccións do 22-M deixaron dous fenómenos pouco estimulantes:a ratificación nas urnas dos alcaldes imputados de Fisterra e Mazaricos e a pouca práctica da necesaria asunción de responsabilidades por parte daqueles candidatos ou candidatas que padeceron un evidente castigo por parte do electorado.O ovo e a galiña:sen un corpo social esixente, a corrupción seguirá instalada nos despachos oficiais; sen unha pedagoxía activa dos cargos públicos, a democracia ficará progresivamente devaluada.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting