Por Rafael Cuiña | Lalín | 02/06/2011
Camiñaba polas rúas de Compostela, cando levado unha vez máis pola curiosidade, achegueime a observar as actividades do movemento “15-M”, co propósito de coñecer de cerca, aquilo que tanta controversia causa entre diferentes sectores, que falan ex cátedra, do que probablemente non teñan todas as claves. Alí atopeime na mesa de recepción, á sempre agradable e hiperactiva Encarna Otero, firmando un manifesto, perfectamente asumible por calquera demócrata sen eivas dun pasado escuro. A amabilidade da organización, tivo o xesto de pedirme unhas pequenas declaracións, ás que accedín de boa gana, en apoio da liberdade de expresión de centos de cidadáns indignados cun sistema social, que tende a esnaquizalos.
Non comparto determinados postulados do proposto nestas asembleas con base nas pedras do Obradoiro, mais si globalmente o seu dereito a expresarse e manifestarse contra aqueles que escurecen o futuro de milleiros de persoas, pola submisión ao máis indigno que ten a humanidade nestes tempos, que non é outra cousa que a falla de ética e valores, subxugados á especulación existencial. Asistín a un multitudinario debate sobre “banca ética”, no que a pesar da certa superficialidade dos argumentos expostos, o pouso era do calado suficiente, como para ser tido en conta por aqueles causantes da actual situación, que teñen nomes e apelidos.
O curioso do caso, dende un punto de vista da ás veces miserenta política, é que os mesmos que apoiaban cinicamente este movemento, para que non tivese un prexuízo electoral, piden o desaloxo dos que pacificamente están exercendo os seus dereitos, dando un exemplo de debate sa, e de compromiso coas súas discutibles achegas. Así é o concepto de sociedade contra o que loitan, aquela capaz de aceptar o que xeneticamente non gusta, mentres interese, e non titubear un segundo para morder na xugular, cando deixa de facelo.
Non vin o que algúns tan pexorativa e despectivamente chaman “perrofrautas” no Obradoiro, mais para ter credibilidade, non poden estar eternamente alí, e deberan dar pasos consistentes cara os poderes públicos, para que os que os critican, calen, e en ocasións, traguen o seu propio veleno…
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting