Por Xesús Veiga | | 14/06/2011
Existe –tal e como reflicten os últimos inquéritos realizados polo CIS- un notábel clima de desconfianza social a respeito dos representantes políticos e, xa que logo, cabe pensar nun lóxico punto de encontro coa protesta que xurdiu hai un mes e que colocou nun lugar destacado da súa axenda reivindicativa as eivas e deturpacións que caracterizan o actual modelo político.
Poren, esta teórica complicidade social non se compadece coa conduta electoral rexistrada o pasado 22-M.As cifras de abstención, voto en branco ou voto nulo non se corresponden coa teórica existencia dun estado de desafección maioritario a respeito da chamada clase política.O forte apoio recibido polo PP en case todo o Estado e o práctico estancamento ou baixada de forzas como o BNG e IU certifican unha evidente disociación entre o que se manifesta nos estudos demoscópicos e o comportamento nas urnas.Certamente, non era esta cita a mais apropiada para expresar maiores niveis de coherencia debido ás singularidades locais que condicionan a práctica final do voto.
Por outra banda, non é a primeira vez –nin será a derradeira- na que se verifica unha diverxencia entre o que se di e que se fai.Cantas veces escoitamos opinións contrarias á corrupción na política e logo comprobamos o respaldo maioritario que reciben os candidatos imputados.Esta circunstancia revaloriza, se cabe, a iniciativa das persoas que mantiveron as acampadas nas prazas públicas.O seu papel de conciencia crítica dunhas sociedades que maioritariamente non se atreven a promover a efectiva rexeneración da vida política non debería ser discutido ou desprezado por quen desexa construír unha democracia de moita maior calidade.
A dereita mediática e algúns dirixentes do PP pretenderon descualificar as mensaxes principais do 15-M mediante unha apelación á lexitimidade superior dos resultados do 22-M.Tal enfoque resulta interesadamente simplificador.Ambas expresións cívicas poden ser complementares se existe unha vontade real de acometer os cambios legais que posibiliten o nacemento dunha nova cultura política mais aberta e participativa.O “movemento 15-M” ven de facer unha interpelación ao conxunto do tecido social e, singularmente, ás organizacións políticas.Temos a pelota no tellado.Queremos collela?
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting