A propia demora rexistrada na convocatoria e a renuncia para participar na mesma por parte de C's, PP e as CUP revelan as grandes dificultades que rodeaban unha cita destas características.A conclusión constatada ao final da xunta entre os representantes de JxC, ERC, PSC e Catalunya en Comú completa o prognóstico pesimista que se formulou dende o primeiro momento:non existe unha saída política ao actual conflito que conte co apoio dunha ampla maioría do Parlamento catalán.Era sabido que, agora mesmo, están presentes nesa institución forzas políticas que postulan a independencia de Catalunya, outras que defenden o mantemento do vixente statu quo e unhas terceiras que apostan por unha reforma do marco estatutario e/ou constitucional que permita establecer un novo encaixe desa nación histórica na arquitectura institucional española.Non se tiña testado, formalmente, a disposición ao diálogo e á negociación dos distintos actores que concorren no mapa político catalán.O punto de partida non permite, certamente, posuir moitas esperanzas de cara ao futuro.
En diversas ocasións, insistiuse que o centro de gravidade do problema catalán debería ser situado no disenso existente no seu corpo social -e no seo da elite política- e non tanto na confrontación entre as institucións de autogoberno e as de ámbito estatal.En realidade, ambos fenómenos están entrelazados fortemente:as divisións perceptíbeis a respecto dos sentimentos de pertenza e as discrepancias sobre o escenario desexábel para a construción nacional de Catalunya explican a polarización e o bloqueo que presiden a vida política nos últimos anos.
Quen queira buscar fórmulas de entendemento para atopar a saída do labirinto actual deberá ser consciente que o posíbel punto de encontro non se atopará nas propostas máis perfiladas que están sobre a mesa:a independencia de Catalunya ou a continuidade da actual configuración territorial do Estado.O denominador común -no seu caso e froito dunha negociación referendada, obviamente, polo corpo electoral- situarase en espazos intermedios que resulten cómodos para amplas maiorías políticas e sociais.Estamos, sen dúbida, ante o maior desafío ao que se enfronta o sistema político español nado coa Constitución de 1978.
Xesús Veiga