Todo na súa xusta medida

De “estado xeral de indignación”, poderíamos cualificar a situación actual, na que diferentes colectivos, subrepticiamente, anda na busca de conquistas sociais lexítimas, mais o vieiro elixido da lugar a desviacións non admisibles, do obxectivo final.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 15/06/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

O desaloxo pola forza no seu momento, dos “indignados” na praza de Catalunya de Barcelona, executado polos mossos d’escuadra, foi un episodio lamentable contra as liberdades públicas, perfectamente condenable. O que sen dúbida tamén é inadmisible, é o impedimento aos representantes do pobo catalán de acceder ao seu Parlament, para o que foron elixidos pola vontade popular hai non demasiadas datas. No Estado, o dereito de manifestación está perfectamente regulado, e o seu exercicio non é só un dereito, senón en ocasións, -e visto o visto-, case unha necesidade; mais as motivacións acordes coa xustiza social poden ser viciadas de raíz, por actitudes por riba da legalidade. Non é de recibo que os deputados cataláns teñan que acceder en medios como o helicóptero á sede da soberanía popular de Catalunya, por moi en contra que estean estes colectivos, das liñas básicas dos orzamentos desa comunidade. Nin é lexítimo, nin é admisible.

As asembleas da Porta do Sol, decidiron levantar un campamento da indignación, asumindo novas fases reivindicativas que lexitiman unhas motivacións que en gran parte comparto. Ese é o camiño, e non perpetuar a permanencia en prazas públicas de xeito “alegal”, mais co respecto das institucións públicas, e a comprensión e solidariedade de gran parte da cidadanía. Exceder determinados límites pode ter un efecto búmerang que prexudique máis que apoie, o que sen dúbida é socialmente xusto.

Sentín vergoña allea sobre as coaccións que tivo que sufrir na rúa mentres exercía unha actividade familiar, o alcalde de Madrid, Alberto Ruíz Gallardón, por parte de colectivos gais, aos que o seu propio movemento matriz denunciou por esas actitudes.  Foi un exercicio de nazismo intolerable, cunha persoa sempre significada polas súas políticas progresistas con estes colectivos. E aí está o berce do problema… cando unha parte da sociedade chega a asumir  que “todo vale”, e campan ás súas anchas nunha especie de anarquía disfuncional, o que un pode chegar a pensar é, que algúns está máis cómodos loitando contra o sistema dende a marxinalidade, que tentando mudalo de acorde coas súas máis que razoables e comprensibles reivindicacións.

Ou non?

Rafael Cuiña