Imos falar en serio

Sen tentar caer na demagoxia, tan propia destes tempos nos que é máis importante o anunciante, que o enunciado, probablemente chegou o momento de redefinir conceptos socio-económicos, e unha readaptación necesaria do estado do benestar.

Por Rafael Cuiña | Lalin | 22/06/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

O debate destes días sobre a situación da sanidade galega, alarma a unha poboación farta de observar como a situación das “picas en Flandes” mediáticas, son máis importantes que as realidades a sufrir polos de sempre. Eu creo, sen o máis mínimo indicio de dúbida, ao Presidente Feijoo, cando garante que baixo a súa presidencia a existencia nesta terra de Rosalía, dun sistema público de saúde. A súa experiencia ao fronte do INSALUD, avalía políticas cuxa xestión está fora do debate, polo resultado evidenciado no seu momento. Falar dun buraco de 15.000 millóns de euros nas contas da sanidade pública a nivel do Estado, e con provedores cobrando a 700 (!¡) días, fala dunha situación de gravidade extrema, que pon en risco conquistas no “estado do benestar”, susceptibles de pasar ao “soño dos xustos”.

A sanidade, a educación e a dependencia, son piares básicos a protexer nunha sociedade que aspire a ser modelo de xustiza social, e a súa degradación, non pode ser máis que un triste reflexo de decadencia tanto no económico, como na concepción actual do noso modelo de convivencia. A realidade da situación, marca a necesidade de priorizar gasto cando baixan os ingresos, e aumenta a demanda. Esa combinación que remataría con calquera empresa co tempo, agrávase cando o peto son as contas públicas, e os ingresos nin máis nin menos que os nosos impostos.

Reitero a miña intención de non caer en tópicos, nin en demagoxias que non aporten ao debate… mais, é necesario o gasto en administracións públicas como Deputacións, áreas metropolitanas, ou a propia existencia de 315 concellos en Galicia?. Non deberamos reestruturar a nosa administración para facela máis funcional, e poder facer “máis con menos”?. Realmente é asumible o custe dun Senado, que non é máis que un “cemiterio de elefantes” de pagos de favores e fidelidades mal entendidas de tempos pretéritos?. É asumible por parte das administracións locais o nivel dunhas competencias para as que non teñen orzamento?. É comprensible que até o de agora non se marcasen teitos de gasto público, desproporcionados e desenfreados, tirando do teto de vacas gordas muxidas até que o leite ausente as condenaba ao matadoiro?.

Vostedes verán, pero ou ben tomamos medidas drásticas, ou a nosa sanidade, educación e dependencia, terán un futuro que eu non desexo para os meus fillos, nin por suposto, para os de vostedes.

Ou non?

Rafael Cuiña