Por Xesús Veiga | Santiago | 28/06/2011
O obxectivo desta singular expedición é ben coñecido:rachar o bloqueo do Estado de Israel sobre a faixa de Gaza e achegar á castigada poboación daquel territorio un volume de axuda humanitaria que simbolice o compromiso solidario de amplos sectores das sociedades occidentais coa situación que padecen os habitantes palestinos.
As ameazas proferidas polas autoridades de Israel non poden ser ignoradas despois do dramático precedente vivido o ano pasado no que morreron 10 activistas e ficaron feridos un elevado número de cooperantes como consecuencia do ataque da armada israelita.A nova expedición humanitaria vai constituír un novo test sobre o nivel de tolerancia que están dispostos a exhibir os gobernos da comunidade internacional e, singularmente, os mandatarios daquelas nacións e Estados dos que forman parte as persoas expedicionarias.A impunidade co que actúa, moitas veces, o Estado de Israel repugna ás conciencias democráticas e degrada seriamente a lexitimidade das normas do dereito internacional.
Por primeira vez, 5 persoas galegas forman parte desta Flotilla da Liberdade.Dende hai anos, a comprensión e solidariedade coas demandas das organizacións representativas da sociedade de Palestina teñen sido amplas e diversas no noso País.Esta presenza é unha testemuña da continuidade dese labor histórico de apoio e require, xa que logo, que as autoridades políticas galegas tomen as medidas necesarias para protexer a vida e a integridade de quen desexan levar directamente unha axuda humanitaria ás persoas que están sufrindo en Gaza.Agardemos que saiban estar á altura das circunstancias.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting