Lección de anatomía

O debate sobre política xeral do Estado da Nación, reflicte intensidade propia de políticos que buscan o epitafio do rival, cando o enterrador aínda está en proceso de cavar a fosa dos seus destinos.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 30/06/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Tanto o Presidente do Goberno, como o líder da oposición, son políticos máis que previsibles, que permitirían a calquera analista pouco serio, facer a análise final, horas ante de empezar a contenda. O matiz que adquire ao ser o derradeiro dun Presidente que non volverá a presentarse, é directamente proporcional, ao fácil papel que en teoría ten un líder da oposición, ao que os desastrosos números que presenta o balance do Estado, debera levar como se dunha imaxe da imaxinería procesional de semana santa fose, até o prezado palacio da Moncloa.

É certo, que cando nunha guitarra desafina unha das cordas, desafina calquera composición que pretendamos facer con ela, como ben dixo o pontevedrés. Iso é o que está a pasar no Estado, mentres nos afinemos as contas públicas e os niveis de débeda público-privada, outras cordas como o estado do benestar, corre o risco de non sonar como o fixo até o de agora. A intervención de Mariano Rajoy, foi máis propia dun forense analizando na morgue, o porqué da morte do paciente, que dun médico de UCI disposto a buscar o mellor tratamento para pouco a pouco ir sacando desa situación ao moi deteriorado enfermo. Mentres, o Presidente do Goberno, como alma en pena, aférrase a datos do período 1996-2004 para atacar políticas que no seu momento recoñeceu como válidas, e que poidan agora tapar un pouco a vergonzas derivadas da evidente incapacidade de xestión. Un que cre na alternacia como un síntoma de saúde democrática, pensa que o mellor que pode pasar ao estado español, é un cambio de goberno, ante o evidente afastamento das políticas socialdemócratas do actual executivo, mais coa preocupación do descoñecemento das propostas liberais, do principal partido da oposición. Nin Rajoy é Cánovas, nin Zapatero é  Sagasta, mais como modelo de salubridade democrática, quizais fosen para eles un excelente espello.

Se 1´3 millóns de familias xa non teñen ningunha prestación social, 5 millóns de españois están en paro, e o 45% da xuventude sen traballo, é que algo estase a facer pesimamente, sendo este un argumento pouco refutable; mais se a alternativa non propón, por calculo electoral, solucións axeitadas, entón o problema convértese en bidireccional, atopándonos todos os demais no medio. Sobre eses termos de moda que son “credibilidade” e “confianza”, nos que se pretende asentar a reactivación económica, temos que partir para ter un futuro a día de hoxe incerto, pero a ausencia actual precisamente deles, é o que nos condena ao fallo do engrenaxe do Estado.

Non me interesan os debates posteriores dos cronistas parlamentarios, sobre quen ganou a contenda parlamentaria, sobre todo cando teño claro, quen somos os que perdemos…

Ou non?

Rafael Cuiña