Por Xesús Veiga | Santiago | 27/07/2011
A menos que nos chupemos o dedo, tal e como recomenda González Pons, o caso Camps é un exemplo do que non debería ser a práctica dos dirixentes políticos e a relación dos votantes con eles.O ex-presidente abandonou porque as últimas decisións xudiciais acentuaban as posibilidades de condena por delito de suborno.Non houbo, pois, exemplaridade ética ou asunción consecuente das responsabilidades políticas derivadas da aceptación de agasallos procedentes de imputados no caso Gürtel.O que existiu foi un cálculo político do custe orixinado polo proceso xudicial nos intereses particulares de Camps e nos do propio PP.Rajoy ofreceulle ao discípulo valenciano a corda para que se aforcara (recoñecer o delito e aturar a imposíbel continuidade como presidente delincuente) pero o afectado preferiu facer da necesidade virtude:perder o cargo agora para ser acredor do favor que lle fai ao futuro inquilino da Moncloa.A súa continuidade como deputado autonómico ilustra sobre a estatura moral do protagonista e a súa evidente vontade de ficar no escenario político.
O caso Camps certifica que o código ético do PP é papel mollado.Despois de todo o sucedido nesta historia, un cargo público dese partido sabe que só estará obrigado a dimitir se sufre unha sentencia xudicial firme ou se ten a mala sorte de que o seu xuízo se celebre na proximidade dunha confrontación electoral que resulte decisiva para os dirixentes da rúa Genova.De non mediar semellantes circunstancias, poderá seguir en activo todo o tempo que lle permitan os resultados electorais.
Estamos, pois, ante a definitiva xudicialización da política:mentres non haxa condenas dos tribunais e haxa votantes dispostos a confiar en presuntos delincuentes, todo é posíbel.Qué dirán ou sentirán os milleiros de homes e mulleres que apoiaron a Camps hai dous meses nas urnas?Dimitirán da súa condición de electores?As maiorías absolutas aseguran a legalidade da posición de poder dos políticos que as conseguen pero non garanten a saúde moral das persoas que as fan posíbeis.Unha democracia de calidade non se pode construír cunha cidadanía que aceite, de xeito reiterado, un papel cómplice coas prácticas irregulares dos seus representantes.Neste caso, coma noutros, non se podía alegar ignorancia.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting