Por Xesús Veiga | Compostela | 08/08/2011
Aproveitan o que se ten diagnosticado tantas veces polos economistas e politólogos mais críticos:a existencia dunha asimetría entre a globalización económica dirixida polos sectores financeiros e a carencia dunha gobernanza mundial que neutralice a deriva que impoñen semellantes poderes hexemónicos.
Resulta patético comprobar o contraste entre uns dirixentes políticos que se resisten a suspender o programado descanso estival e os hiperactivos operadores que atacan, un día si e outro tamén, as partes mais febles do edificio económico da UE.E se pousamos a mirada no panorama político español, a depresión está definitivamente asegurada.A rendición absoluta que manifesta a dirección do PSOE ten un complemento surrealista na petición de adiantar o adianto electoral que proclama a equipa dirixida por Rajoy.Se esta vai ser a tónica habitual do debate político, os tres meses que faltan ate o 20-N poden resultar insoportábeis.
Hai poucos días, o FMI delimitou o campo de xogo programático para España:suba do IVE, abaratamento do despido e remate da reconversión bancaria.As famosas axencias –con Moody’s á cabeza- xa enviaron avisos premonitorios dos vindeiros xuízos sumarísimos sobre a situación económica.Deste xeito, uns e outras comezaron a súa particular campaña electoral mentres as dúas grandes marcas políticas camiñan cara ás urnas coa pretensión de combinar silencios, abstraccións retóricas e combates verbais para gratificar aos respectivos seareiros.A pregunta é moi concreta:van aplicar as receitas do FMI?O PP –probábel gañador da contenda de Novembro- vai confeccionar un menú gobernamental que combine medidas adoptadas por Cameron e polo novo primeiro ministro portugués.Agora xura que non subirá os impostos pero mañá elevará a imposición indirecta e ampliará o volume dos recursos mediante a rebaixa das retribucións dos empregados públicos e/ou a creación –como en Portugal- dun imposto sobre as pagas extraordinarias.
Se os dirixentes do PP están tan seguros do seu éxito como futuros xestores da crise, por qué non contan todo o que van facer?Se confían tanto na fidelidade dos seus votantes, por qué non explicitan, con cifras e letras, a dimensión dos sacrificios que van executar?É moito pedir que nos traten como cidadáns e non como súbditos?
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting