A secuencia é coñecida:alguén - F.González- contratou -por un bo puñado de euros- ao comisario para que nas súas horas libres utilizase os recursos públicos aos que tiña acceso para espiar ás persoas que lle permitisen elaborar os informes demandados.Todo perfectamente irregular e presuntamente delitivo.Para o banqueiro González, o fin -neutralizar un suposto plan de control por parte da empresa Sacyr- xustificaba os medios -recorrer ás “cloacas” do Estado nas que se desenvolvía con proverbial soltura Villarejo.
Ademais de constatar, máis unha vez, a existencia dun grupo de funcionarios da seguridade do Estado que actuaban á marxe dos procedementos e que non sufrían as consecuencias penalizadoras por tal comportamento, estas revelacións poñen no escaparate da opinión pública as relacións promiscuas entre membros do poder político e xerarcas do lobby bancario.Que se o goberno de Zapatero quería marxinar a Francisco González -ao que Aznar tiña promovido, previamente, ao cimo do BBVA-, que se a vicepresidenta Fernández de la Vega pretendía protexer ao todopoderoso Emilio Botín nos seus preitos xudiciais...A conclusión está servida:quen siga afirmando que o intervencionismo dos gobernantes na vida económica non é propio do sistema económico realmente existente senón que constitúe un vestixio da rancia cultura comunista é un vendedor de mentiras ou un iluso que cre nas retóricas dos ideólogos desa autocalificada dereita sen complexos.
O que estamos a coñecer sobre a faciana agachada das décadas nas que o PSOE e o PP hexemonizaron as administracións públicas suscita serias dúbidas a respecto da calidade do sistema democrático español.O edificio constitucional está sometido a unha evidente fatiga dos materiais cos que foi construído e xestionado.Será capaz de metabolizar os impactos derivados dos produtos que se foron fabricando na factoría mafiosa xestionada por Villarejo?
Xesús Veiga