A transparencia e a confianza

A fame informativa acumulada durante tantos anos provocou o colapso das páxinas web do Congreso e do Senado.A inxustificábel demora na adopción dunha normativa que posibilitase o coñecemento público das declaracións de bens realizadas polos representantes políticos nas Cámaras lexislativas ten orixinado un efecto perverso.

Por Xesús Veiga | Santiago | 12/09/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

No canto de propiciar unha diminución da distancia entre a cidadanía e os cargos institucionais do Parlamento estatal por mor desta nova práctica de transparencia, os graves efectos derivados da crise económica facilitan unha reacción de maior desconfianza.A primeira lectura que farán, previsibelmente, moitos votantes terá como núcleo principal a evidente diferenza entre os seus niveis de renda e de riqueza e os que se reflicten na meirande parte das declaracións dos cargos electos en ambas Cámaras.

A información que se facilita non está suficientemente elaborada.O que se debería saber, con precisión, é o volume de recursos acumulados no período de tempo dedicado á política activa.Habería que depurar, pois, todos aqueles bens ou ingresos procedentes doutras circunstancias privadas de cada representante.Dese xeito, sería posíbel medir a importancia relativa das remuneracións obtidas no Congreso, no Senado ou nos cargos gobernamentais no patrimonio das persoas que ocupan semellantes postos.

A pesar das limitacións informativas sinaladas, resulta evidente que os representantes parlamentares dispoñen dunhas remuneracións significativamente superiores ás que perciben a maioría dos seus votantes.Outra cousa sería comparar eses datos –de renda e de riqueza- cos que exhiben os executivos das grandes empresas ou determinados profesionais de moita relevancia na prestación de servizos privados.Obviamente, a lóxica do beneficio particular non é compatíbel coa filosofía que debe presidir o labor nas institucións políticas.Digámolo con outras palabras:quen desexe gañar cartos –ou non perdelos- debería optar por non ter presenza nos cargos representativos.Para estar no Congreso, no Senado ou nun goberno hai que asumir unha contención retributiva e ser coherente con esa proclama de servizo público que tantas veces se invoca na oratoria política.

Un dos aspectos eticamente menos admisíbeis da información revelada nestes días é a existencia de varios dirixentes –sobre todo no Partido Popular- que reciben unha retribución adicional do partido, a maiores das que lle corresponden como deputados ou senadores.Semellante práctica non se compadece coas chamadas de austeridade que escoitamos case todos os días e constitúe un uso inadecuado de fondos que proveñen da Facenda pública a través do sistema de financiamento dos partidos políticos.Velaquí un bo test para medir, no inmediato futuro, a credibilidade das propostas de rexeneración da vida política.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.