O tempo porá a cada un no seu sitio

Supoño que para este modesto opinador, é unha obriga moral falar do remate dun proxecto xornalístico, co que me sinto tan identificado, como é Xornal de Galicia.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 22/09/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

O lector, e a dirección se mo permiten, deixaranme falar non sei se alto, máis si moi clariño.

Xornal de Galicia remata a súa comprometida andaina por unha concatenación de factores, que fan inviable a súa permanencia en papel, mais non tanto na súa prestixiosa marca dixital. Botarlle as culpas do final de Xornal de Galicia ao actual goberno galego, é unha verdade a medias, que soe ser a peor das mentiras.

Nunha sociedade eminentemente conservadora e subrepticiamente acomodada como a galega, unha publicación autodefinida como galeguista e progresista, pode ser vista polo poder conservador como formalmente molesta e potencialmente perigosa. É certo que actuais dirixentes da Xunta de Galicia, dixéronme en máis dunha ocasión “marcha de aí, que iso vai durar pouco e vaste queimar…”. Eses comentarios ás veces paternalistas, ás veces de advertencia, son sintomáticos dos desexos de aqueles que ademais de ter a tixola polo mango, queren determinar sempre o menú do día.

As marxinais axudas recibidas polo proxecto de Jacinto Rey, sobre todo se as comparamos con outros medios, son democraticamente vergoñentas e empresarialmente asfixiantes, mais non nos enganemos, vivimos nunha sociedade na que algúns están máis cómodos detrás das pancartas, que comprometéndose con proxectos de calidade que axudan a manter viva unha necesaria conciencia crítica no país. Un produto destinado socioloxicamente a un sector ideolóxico non representado nos medios de comunicación, que vende case marxinalmente pese a súa contrastada calidade, di moito e mal dun país no que tantos falan, e tan poucos aportan.

A crítica que fago a esa parte da sociedade de progresismo de pancarta, vén do convencemento de que neste país mentres os altofalantes non pasen á acción real, o futuro será escuro por falla de alternativas. O Partido Popular goberna en Galicia porque os galegos maioritariamente consideran que é o partido que máis se parece a ela, mais se os que non queren que esa similitude sexa tal, non apoian importantes piares para a construción de alternativas, entón seguirán por moito tempo na marxinalidade na que tan cómodos e “comprometidos” se senten.

O que non é entendible é que a empresa non queira nin vender un dixital, que cunha estrutura diferente pode ser potencialmente rendible. Por aí veñen escuras dúbidas, que de confirmarse falarían dunha inusitada gravidade para a liberdade de prensa.

A min que son unha persoa pouco dada a gabar no que non creo, quedarame a inmensa experiencia de compartir momentos importantes da recente Historia de Galicia con algúns dos mellores xornalistas políticos desta terra  como Xabier R. Blanco, Miguel Pardo, ou a comprometida directora María Val. Agradecemento tamén ás moi dilixentes e amables responsables de opinión, a unha das xornalistas que mellor se moven no ámbito do deporte galego, como é Mónica Martínez, ou ao propio Iago Martínez, unha das mentes máis preparadas para diseccionar o mundo cultural galego. O mellor de Xornal de Galicia é , sen dúbida, o seu capital humano. E sobre todo moitas grazas a José Luis Gómez.

Somos os galegos moi dados a botar as culpas aos demais, sen facer unha necesaria autocrítica. O futuro de Galicia depende do que esteamos dispostos a facer nós, e non do que nos impoñan, mentres seguimos crendo nos biosbardos…

Ou non?

Rafael Cuiña