Medios de manipulación?

O recente episodio protagonizado pola maioría do Consello de Administración de RTVE revela que a pretensión de gobernamentalizar os medios públicos de comunicación segue formando parte do adn da grande maioría dos responsábeis políticos.

Por Xesús Veiga | Compostela | 28/09/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

A tentación de controlar a radio e a televisión públicas é tan forte que non coñece fronteiras partidarias.Os xornalistas que traballan neses medios son considerados -de facto- pezas manipulábeis do mecano informativo que desexan patrimonializar moitos dos que sentan nas cadeiras de ministerios e consellerías.

O escándalo vivido hai poucos meses no Reino Unido como consecuencia das prácticas rexistradas no grupo do editor Rupert Murdoch serviu para demostrar que os grandes empresarios da comunicación queren consolidar un inequívoco modelo de relación cos representantes políticos:ofrecer apoio mediático para facilitar os éxitos electorais a cambio de recibir subsidios e concesións dos partidos gobernantes.Polo que sabemos das informacións publicadas, o candidato  Cameron tivo o xeneroso apoio dos medios de Murdoch para chegar á presidencia do goberno británico e pretendía abonar as correspondentes contrapartidas nas decisións relativas ao funcionamento da industria audiovisual.En todo caso o propietario do fenecido “The News of the World” tiña acreditado que non posuía escrúpulos partidistas:Tony Blair tamén foi o “cabalo” preferido do magnate durante moitos anos.

Os xornalistas atópanse nunha encrucillada.Se traballan nos medios públicos deben aturar as presións gobernamentais para silenciar ou diminuír as verdades incómodas que ofrece a realidade social.Se manteñen o emprego nos medios privados teñen que convivir coa lóxica dominante dos editores:administrar o pau e a cenoura en función do impacto que provoque na conta de resultados a hostilidade ou a benevolencia dispensada aos responsábeis do goberno de garda.

Non son bos tempos para a lírica nos medios de comunicación.E para aqueles que utilizan maioritariamente a lingua galega e alimentan o libre exercicio da crítica aos poderes constituídos, a crise económica está acelerando unha particular sentenza de morte.As últimas vítimas (Xornal.com e A Nosa Terra dixital) simbolizan moi ben as luces e as sombras do xornalismo galego das derradeiras décadas.Aquí tamén temos seguidores das “teorías” elaboradas pola maioría dos conselleiros  de RTVE e imitadores de Rupert Murdoch.Está por ver se somos quen de manter e ampliar os antídotos sociais e políticos capaces de neutralizar os efectos destrutivos dese virus que percorre o territorio do “cuarto poder”.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.