Por Rafael Cuiña | Lalín | 06/10/2011
A formación frontista, camiña por un fío perigoso, entre o que podería ser unha lexítima toma de posicións, e o que é unha burla ao raciocinio dos cidadáns. Eu non son especial entusiasta do Presidente Fraga, mais si penso que a súa traxectoria como presidente dos galegos por un período de tres lustros, non merece que unha formación camiño da marxinalidade autodestrutiva, cualifique a un presidente democrático, de pouco menos que lacra para o sistema de liberdades actual. Manuel Fraga, que na súa traxectoria ten importantes sombras pre democráticas, que non poden escurecer a súa máis que positiva labor tanto na Transición como nos anos seguintes de “pax democrática”, durante o franquismo foi tachado de ministro “aperturista”, por poñer piares básicos para a nosa concepción actual de sociedade, como foron a inaudita para a época lei de prensa, ou a súa labor expansionista ao fronte do turismo do Estado. Pero o máis grave é que dende o BNG se pretenda obviar a masiva vontade democrática dun pobo galego, ao que algún día aspiran a liderar.
A iniciativa de dedicar unha rúa no “mar de pedra estremecido polo vento”, como lle chamou Celso Emilio Ferreiro a Compostela, é de xustiza ante un político histórico que exerceu de alcalde de Compostela na sombra, e que sempre tivo unha especial teima con favorecer o desenvolvemento das potencialidades da capital de todos os galegos. O actual rexedor compostelán, Gerardo Conde Roa, nunca tivo unha especial empatía co ex presidente galego, mais o acordo plenario entre o Partido Popular, e o Partido Socialista, coloca nun merecido lugar a un home de Estado, que cos seus defectos foi un servidor de Galicia en xeral e Compostela en particular. O excelente portavoz do BNG no consistorio compostelán, Ruben Cela, debera reflexionar se a postura da súa formación, no é máis que unha rabecha marxinal, que a inmensa maioría dos composteláns e galegos poden situar nun “debe”, cada vez máis escaso de “haber”.
Ou non?
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting